CIS de maio: o PSOE, en cabeza con cinco puntos de vantaxe sobre o PP mentres o BNG fica no 0,6%

O PP, que gañou as eleccións estatais de 2023, viña encabezando tamén as enquisas mensuais do CIS do último semestre, coa única excepción de xaneiro, pero a situación deu a volta no sondaxe flash que realizou a finais de abril sobre o período de reflexión de Pedro Sánchez.
Estimación do CIS para as eleccións estatais.
photo_camera Estimación do CIS para as eleccións estatais.

O Barómetro de Opinión realizado polo Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) a principios do mes de maio, tras o período de reflexión de cinco días que se deu o presidente Pedro Sánchez, coloca de novo o PSOE na cabeza cunha estimación de voto de 35,5% e cinco puntos de vantaxe sobre o PP, ao que se atribúe un 30,4%. Ao BNG déixalle unha estimación de voto —en porcentaxe sobre o voto válido— de 0,6%, fronte ao 0,8% que lle daba o barómetro de abril.

A terceira praza volve ser para Vox, cunha estimación de voto de 10,2%, mentres que Sumar rexistra unha nova caída, agora de dúas décimas, e queda en 8%. A enquisa baséase en 4.013 entrevistas telefónicas realizadas do 3 ao 8 de maio a residentes en 1.205 municipios de 50 provincias. A súa marxe de erro é de máis/menos 1,6 puntos.

 

O PP, que gañou as eleccións estatais de 2023, viña encabezando tamén as enquisas mensuais do CIS do último semestre, coa única excepción de xaneiro, pero a situación deu a volta no sondaxe flash que realizou a finais de abril sobre o período de reflexión de Pedro Sánchez, no que incluíu unha pregunta de estimación de voto que disparou ao PSOE dez puntos por riba dos 'populares'.

En concreto, aquela enquisa, que lle valeu ao CIS un expediente sancionador da Xunta Electoral Central por non avisar a pesar de realizarse en plena campaña electoral das catalás, outorgaba ao PSOE unha estimación de voto de 38,6% por un 29,2% do PP. E agora o barómetro de maio, con máis entrevistas e despois de coñecerse que Sánchez decidira continuar na Moncloa, segue a mesma tendencia aínda que tempera as diferenzas.

Así, o PSOE aparece cun voto xa decidido do 24,6% e unha estimación do 35,5%, catro puntos por encima do resultado electoral de xullo de 2023. O PP, por contra, retrocede ao 30,4%, tres puntos menos que no barómetro de abril e que nas xerais que gañou. A diferenza entre ambos se sitúa agora en 5,1 puntos, a maior da lexislatura.

Vox mantense cunha estimación de voto de 10,2%, unha décima máis que en abril, aínda que dous puntos por baixo do seu resultado electoral de hai un ano. E quen retrocede, por terceiro mes consecutivo, é a coalición Sumar de Yolanda Díaz, que agora anota un 8%, dúas décimas menos que en abril, dous puntos menos que en febreiro e catro puntos por baixo do seu resultado nas estatais de 2023. Tamén baixa Podemos, que agora anota un 2,2% e o mes anterior marcara un 3,1%.

Sánchez, o preferido e mellor valorado

O socialista Pedro Sánchez é tamén o líder político mellor valorado, cunha nota de 4,39 puntos, superando a Yolanda Díaz e o 'popular' Alberto Núñez Feixoo, con 4,19 e 4,01 puntos, respectivamente. O líder do PSOE é tamén o preferido para presidir o Goberno ao ser mencionado polo 27,8% da enquisados fronte ao 12,5% que cita a Feixoo.

Pero un de cada catro enquisados (25,3%) non quere a ningún dos principais políticos do Estado. Iso si, un 68% dos enquisados asegura ter pouca ou ningunha confianza en Sánchez, por un 30,3% que confía nel. Feixoo presenta peores datos, cunha confianza de só o 22,2% e un 76% de cidadáns que confían pouco ou nada nel.

Comentarios