CIS de xullo: o PSOE, en cabeza, aumenta a 2,7 puntos a vantaxe sobre o PP mentres o BNG garante a representación

O barómetro de xullo dá aos socialistas unha estimación de voto de 32,9%.
Estimación de votos do CIS sobre unha imaxe do hemiciclo do Congreso.
photo_camera Estimación de votos do CIS sobre unha imaxe do hemiciclo do Congreso.

O Barómetro de Opinión do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) correspondente ao mes de xuño sitúa de novo na cabeza o PSOE, con 32,9% de estimación de voto e aumentando até os 2,7 puntos a súa vantaxe sobre o PP, ao que calcula un apoio de 30,2%, medio punto menos que en xuño.

A enquisa, difundida esta sexta feira, volve colocar o ultradereitista Vox como terceira forza no Estado español, con 12,1%, mentres Sumar continúa o seu descenso pero mantén a cuarta posición cun 6,6%. Pola súa parte, Podemos segue mellorando e chega ao 4%, e tamén sobe Se Acabó La Fiesta, que se anota un 2,7%. O BNG, aliás, fica na contorna do 0,6%, a marca que rexistrara nas últimas eleccións estatais e que lle garante a representación.

 

A enquisa baséase en 4.007 enquisas telefónicas realizadas entre os días 1 e 4 de xullo e ten unha marxe de erro de máis/menos 1,6 puntos. O traballo de campo acabou xusto na véspera de que Begoña Gómez, esposa do presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, tivese que ir declarar por primeira vez aos xulgados madrileños de Praza de Castela onde está a ser investigada polo xuíz Juan Carlos Peinado por mor de senllas denuncias das organizacións ultars Manos Limpas e Hazte Oír.

Trátase do primeiro barómetro do CIS con estimación de voto realizado tras o acordo alcanzado entre o PSOE e o PP para renovar o Consello Xeral do Poder Xudicial, co que se porá fin a uns cinco anos e medio de bloqueo. Neste contexto, o PSOE mellora a súa estimación mentres o PP empeora.

Á pregunta da quen votarían se as eleccións estatais fosen mañá mesmo, 24% das electoras e electores xa adiantan o seu apoio ao PSOE, fronte ao 18,8% que se decantan polo PP, mentres que un 9,9% menciona Vox e un 5,2%, Sumar. Tamén hai un 13,8% de persoas que teñen dúbidas e un 7,3% que se sitúan na abstención.

O PSOE mellor que o 23-X

Con esta pregunta de intención directa de voto e o resto de respostas, o CIS conclúe que no PSOE obtería un apoio de 32,9%, 1,2 puntos máis que o mes anterior, no que se lle calcularan 31,7% dos sufraxios, a mesma porcentaxe que obtivo nas eleccións estatais do pasado 23 de xullo.

Pola contra, o PP perde medio punto a respecto do barómetro de xuño e pasa do 30,7 ao 30,2%, quedando 2,85 puntos por baixo do 33,05% co que lograra a vitoria nas últimas lexislativas. Así as cousas, a distancia entre socialistas e populares amplíase a 2,7 en favor dos de Pedro Sánchez.

Vox medra a pesar de Alvise

No tocante á extrema dereita, Vox segue crecendo e, aínda que este mes só o fai unha décima, chega ao 12,2%, a súa mellor marca no CIS, e queda moi perto da súa porcentaxe nas anteriores estatais. E tamén mellora en intención de voto Se Acabó La Fiesta, a agrupación de electores do ultradereitista Luis 'Alvise' Pérez, que, tras lograr tres eurodeputados o pasado 9 de xuño, estreouse nestes barómetros o mes pasado cun 1,5% e agora logra un 2,7%.

Sumar, que no barómetro anterior anotou unha suba de oito décimas (8,8%), cae agora 2,2 e queda nun 6,6%, a súa peor nota no CIS, e a metade da porcentaxe que cultivou nas estatais. Por contra, Podemos continúa en ascenso e colócase cun 4%, catro décimas máis que en xuño, a súa mellor estimación desde que rompeu coa coalición que lidera a vicepresidenta Yolanda Díaz o pasado mes de decembro. A respecto das formacións de ámbito territorial, o barómetro volve colocar ERC (1,7%) por diante de Junts (1,6%) en Catalunya, e Bildu (1,2%) por diante do PNV (1,1%) en Euskal Herria.

Comentarios