Ponteareas

A concelleira do PP que chamou "gilipollas" a un edil do BNG descúlpase e di ser vítima dunha "campaña difamatoria"

Os grupos da oposición, BNG, PSOE, e Ponteareas en Común, convocaron esta cuarta feira a última hora da mañá unha comparecencia ante os medios por estes feitos, "que se suman a unha longa lista de insultos antidemocráticos, actitudes e boicot do Goberno ao labor da oposición".
A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, e a concelleira Raquel Plana. (Foto: PP)
photo_camera A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, e a concelleira Raquel Plana. (Foto: PP)

O Concello de Ponteareas (O Condado) difundiu esta cuarta feira un comunicado da concelleira do PP Raquel Plana, responsábel da área de Benestar Social, Sanidade e Igualdade, no que a edila pide "desculpas" tras unha rifa no pleno da pasada segunda feira, no que se dirixiu ao portavoz do BNG, Miguel Bouzó, chamándoo "gilipollas".

Plana pediu "perdón de corazón" por esas "palabras desafortunadas" que atribuíu á "tensión do momento" e aos "ataques reiterados e deleznábeis" que asegura sufrir por parte da oposición, se ben admite que "non son xustificativos" das súas palabras. Tras subliñar que ese non é o seu "estilo de facer política" e que tanto ela como o seu partido apostan "polo diálogo, polo consenso e polo entendemento", lamentou que os grupos da oposición de Ponteareas son "coñecidos" por "elevar o ton das súas declaracións e empregar fortes acusacións" para danar a imaxe do PP e dos membros do Goberno local.

A este respecto, referiuse ao motivo do encontrón da segunda feira no pleno, e denunciou que leva "moito tempo" sendo obxecto dunha "campaña de mentiras, difamacións e desprestixio persoal e profesional" por parte de concelleiros da oposición, "que levan meses repetindo a falacia" de que ela e a súa familia teñen intereses persoais na parcela do novo centro de saúde de Ponteareas. "Algo que é totalmente falso e que só busca atacar á miña persoa e facer dano á miña familia", proclamou.

Raquel Plana insiste no comunicado en que esas acusacións "son rotundamente falsas" e quen as pronuncia vese "impune" para seguir atacándoa "de maneira agresivamente desapiadada". "É certo que non reaccionei como debería no pasado pleno extraordinario [...] comprométome ante a cidadanía para tentar non volver caer neste tipo de provocacións", manifestou, á vez que lembrou que os delitos contra a honra, como as inxurias e calumnias, están recollidos no Código penal.

Finalmente, a concelleira do PP pediu aos grupos da oposición que "deixen de faltar á verdade" e rebaixen a crispación, dando por "resolta" esta polémica, e convidou o portavoz do BNG e mais o seu partido a que "acaten dunha vez por todas o resultado democrático das urnas" e asuman o seu rol na oposición, moderando a súa actitude, e a que "deixen de faltar á verdade e de atacar á Sanidade Pública", rectificando "publicamente" as súas acusacións.

A rifa no pleno

No pleno da segunda feira, o portavoz do BNG, Miguel Bouzó culpou Raquel Plana do "caos" que vive o centro de saúde de Ponteareas e vinculouna coa decisión do Goberno local de ceder terreos para o novo ambulatorio xusto fronte a unha clínica privada "directamente relacionada con ela". Ante esta intervención, a alcaldesa, Nava Castro, pediu ao edil nacionalista que retirase as súas palabras, e a propia Raquel Plana alzou a voz para cualificar de "impresentábel" a Bouzó.

"Ti e eu ímonos a ver no xulgado, por gilipollas tío. Ou sexa, estou farta de vós, porque sabedes que non é verdade. Estades a venderlle isto ao pobo porque sodes uns manipuladores. Uns manipuladores porque sabedes que non é certo. É que sodes patéticos, dá vergoña", proclamou a concelleira 'popular'.

Os grupos da oposición, BNG, PSOE, e Ponteareas en Común, convocaron esta cuarta feira a última hora da mañá unha comparecencia ante os medios por estes feitos, "que se suman a unha longa lista de insultos antidemocráticos, actitudes e boicot do Goberno ao labor da oposición".

De feito, non é a primeira vez nos últimos tempos que o pleno de Ponteareas é escenario de situacións de tensión. No propio pleno de investidura de Nava Castro, o concelleiro de Independentes por Ponteareas, Domingo Freitas —actualmente integrado no Goberno—, dirixiuse a un responsábel local do BNG, que asistía como público, chamándoo "parapléxico".

Comentarios