O Congreso rexeita a proposta do PSOE contra o proxenetismo

O Goberno español votou a iniciativa dividido.
A presidente do Congreso español, Francina Armengol (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera A presidente do Congreso español, Francina Armengol (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

O Congreso español rexeitou na sesión plenaria que decorreu esta terza feira tomar en consideración a proposición de lei do PSOE para prohibir o proxenetismo, un tema que dividiu as formacións que integran o Goberno español.

Sumar situouse en contra desta proposta socialista e fontes do partido de Yolanda Díaz apuntaron que era unha "irresponsabilidade" presentar a proposición nun momento de ascenso da extrema dereita e criticaron que non trata o problema de raíz.

"Estamos en campaña e moitos pensan máis nas eleccións que nas mulleres e que os grupos potentes económicos tamén entran en xogo", afirmou a ministra de Igualdade, Ana Redondo (PSOE). Tamén votaron en contra contra da toma en consideración PP, ERC, EH Bildu, Junts e PNV.

O BNG, pola súa parte, votou a favor da toma en consideración da proposición do PSOE "en coherencia coa posición política abolicionista que a organización tomou hai anos tras un profundo debate entre toda a militancia".

Aclarou, iso si, que "isto non significa concordar cos termos exactos da proposta socialista que é meramente punitivista mais carente de medidas que garantan un mínimo de eficacia. Trátase simplemente de abrir un debate".

Entre outras cuestións, o BNG considera que esta proposición de lei "debería vir acompañada doutras modificacións lexislativas: lei de trata, lei de estranxeiría…, e dun paquete de medidas que ademais de eficacia, garantisen a protección das persoas en situación de prostitución".

Deste modo, a proposta contou cos votos a favor de BNG, PSOE, Coalición Canaria, UPN e o deputado non adscrito José Luis Ábalos, a abstención de Vox e Podemos e os votos en contra do resto dos grupos do Congreso.

Comentarios