O Consello de Contas comeza a fiscalizar os directos da TVG

A CIG considera inxustificada a externalización do servizo de directos e denuncia incumprimentos de contrato por parte da adxudicataria, Overon.
Delegados da CIG na CRTVG ás portas do Consello de Contas da Galiza. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Delegados da CIG na CRTVG ás portas do Consello de Contas da Galiza. (Foto: Nós Diario).

Era unha vella demanda da sección sindical da CIG na CRTVG. O Consello de Contas vén de iniciar a través da súa sede electrónica o procedemento para a fiscalización da prestación do servizo de produción e transmisión de sinal de directos para a corporación de medios públicos da Galiza, adxudicado a Overon, dando cumprimento ao acordo do pleno do 31 de maio de 2023. 

Este acordo foi adoptado polo órgano fiscalizador como consecuencia das denuncias presentadas pola CIG relativas ao incumprimento do contrato CRT-2021-0003, a insuficiencia de medios propios, o incremento inxustificado do orzamento do actual contrato CTR-2023-008 e a afectación do dereito a comunicar e recibir información veraz.

Segundo as cláusulas do contrato CRT-2021-0003, cun orzamento de 863.827,63 euros, Overon tiña que pór a disposición da CRTVG catro equipos de traballo para cubrir as mañás, os seráns e as fins de semana e prestar o servizo simultáneo con dúas estacións transportábeis (DSNG). Porén, da análise das escaletas de produción correspondentes entre o 1 de xaneiro e o 28 de febreiro de 2023 realizada polo sindicato nacionalista, a CIG certificou que "Overon non prestou o servizo simultáneo con dúas DSNG ningún dos 59 días observados, 19 días non puxo a disposición do servizo ningunha DSNG, sendo as mochilas o único medio empregado, e na maioría dos TX2 [telexornais da noite] prestou un único punto de conexión en directo".

Ademais, a CIG revisou unha mostra de 53 escaletas de produción representativas do ano 2022, tras cuxa análise concluíu que "Overon non prestou o servizo simultáneo con dúas DSNG 37 dos 53 días observados (69,8%), 12 días (22,64%) non puxo a disposición do servizo ningunha DSNG, sendo as mochilas 4G o único medio empregado, e dos 330 servizos de directos prestados, 163 foron con DSNG (49%) e 167 con mochilas 4G (51%)".

Contratación externa

A decisión da CRTVG de prescindir da DSNG que ten en propiedade desde o 1 de xaneiro de 2023 e a "infrautilización" das oito mochilas 4G das que dispón" levou á CIG a cuestionar a insuficiencia de medios como requisito para a externalización do servizo que culminou na denuncia por unha posíbel infracción da Lei de contratos do sector público, ao entender que a corporación incorría nunha "inutilización de medios propios incompatíbel coas normas indicadas".

A respecto do contrato actual, adxudicado por 1.068.948,47 euros, a CIG denunciou "un incremento de 23,7% a respecto do contrato anterior malia a rebaixa dos requirimentos mínimos esixíbeis para a prestación do servizo a unha DSNG permanente [24 horas, 365 días] adscrita á execución do contrato e unha DSNG adicional para a cobertura dos 25 servizos de retransmisión de eventos". Segundo o sindicato, a suba "non se xustifica suficientemente nos pregos do expediente, principalmente porque a supresión do servizo dunha DSNG as 24 horas os 365 días do ano supón un aforro substancial que non se reflicte no orzamento".

Por último, a CIG solicitou ao Consello de Contas supervisar unha posíbel vulneración do dereito fundamental a comunicar e recibir libremente información veraz xa que "a xestión externalizada do servizo de directos supón que o persoal de Overon interveña na edición de contidos informativos sen estar sometido aos principios éticos e de conduta esixíbeis aos empregados públicos dispostos no Estatuto básico do empregado público".

Comentarios