ELECCIÓNS EUROPEAS 9-X

Díaz critica o PSOE, que "no Estado español goberna con Sumar" pero en Europa "co PP"

Sumar ofrece á formación socialista "un pacto contra a austeridade e os recortes", para que "rompan esa tentación de inclinarse á dereita"

Gloria Alonso, Juan Manuel Díaz Villoslada, Yolanda Díaz, Ernest Urtasun, Estrella Galán e Ramón Sarmiento, este sábado, en Vigo. (Foto: Javier Vázquez /  Europa Press)
photo_camera Gloria Alonso, Juan Manuel Díaz Villoslada, Yolanda Díaz, Ernest Urtasun, Estrella Galán e Ramón Sarmiento, este sábado, en Vigo. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)

A vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, criticou a "gran coalición" que representan tanto PP como PSOE porque, segundo afirmou, mentres os socialistas gobernan con Sumar no Estado español, en Europa fano cos 'populares' para sacar adiante as regras fiscais ou o pacto migratorio.

Nun acto decorrido este sábado no exterior do CEIP Illas Cíes de Vigo con motivo das eleccións europeas do próximo 9 de xuño, no que tamén participou a cabeza de lista de Sumar para as eleccións europeas, Estrela Galán, o ministro de Cultura e portavoz de Sumar, Ernest Urtasun, e o candidato galego Juan Manuel Díaz Villoslada, Yolanda Díaz defendeu a vocación europeísta da súa formación, que reivindica "o mellor" dunha "Europa social, de dereitos humanos, que acolle e fai vivir mellor á xente".

Así, falou de que nos próximos comicios están en xogo tres modelos: o da "internacional do odio" que, afirmou, representa a primeira ministra italiana, Giorgia Meloni, e tamén o líder do PP, Alberto Núñez Feixoo; o do PSOE, que en España "goberna con Sumar", pero en Europa "co PP; ou o da súa formación, "o modelo dos dereitos humanos".

Os modelos do PSOE e do PP

Sobre o líder dos populares, Díaz asegurou que é "vangarda" cando se fala de que "os ricos" non paguen impostos. "Disto tamén vai esta campaña electoral. Vai de quen paga impostos e desde Sumar somos claras: queremos que se fale dunha fiscalidade en Europa".

Ademais, defendeu que nestes comicios tamén están en xogo os dereitos das mulleres, pondo como exemplo medidas de Meloni, que "está a restrinxir o aborto ás mulleres italianas". "O que queremos facer é levar o dereito ao aborto á nosa Constitución", reivindicou.

Tamén tivo palabras cara ao socio maioritario da coalición, o PSOE, de quen dixo que mentres "en España goberna con Sumar", en Europa faino "co PP", formando unha "gran coalición", que permitiu un pacto de asilo "que é un retroceso de dereitos", porque deixa as persoas migrantes "abandonadas", ou unhas regras fiscais que son "neoliberais".

A continuación, definiu o modelo de Sumar como "o modelo dos dereitos humanos" e o do "pacto verde europeo", así como o que "vai loitar para que non haxa unha directiva europea que permita que se traballen 48 horas á semana".

"Queremos os mesmos dereitos para os traballadores galegos, españois, romaneses ou italianos. Non nos vale o modelo do dumping social que están a construír en Europa", subliñou co aplauso do cento de persoas, aproximadamente, que asistiu ao acto este sábado en Vigo.

Por todo iso, puxo en valor a importancia das eleccións do próximo 9 de xuño #ante unha dereita e ultradereita "moi mobilizada". "Estas eleccións son claves para a vosa vida, para ter dereitos, para que non volvan os recortes", salientou.

Urtasun: "Feixoo non sabe gobernar"

Con anterioridade, e tras tomar a palabra o candidato de Sumar Galicia, Juan Díaz Villoslada; o membro da Permanente de Sumar Galicia, Ramón Sarmiento, e Gloria Alonso, portavoz de Sumar Galicia en Vigo, o ministro de Cultura e portavoz de Sumar, Ernest Urtasun, criticou que Feixoo diga que "Meloni non é homologábel á extrema dereita".

"É ou non homologábel coa extrema dereita impedir que as ONG rescaten persoas no Mediterráneo e criminalizalas como está a facer a señora Meloni? É ou non homologábel coa extrema dereita impedir que o parellas LGTBI poidan inscribir os seus fillos no rexistro como fixo a señora Meloni? É ou non homologábel? Ou é ou non homologábel perseguir a liberdade de prensa e tratar de controlar a radiotelevisión pública como fixo a señora Meloni?", cuestionou.

Tamén reprochou ao líder popular que o seu modelo sexa "volver aos rescates bancarios" e sostivo que Feixoo "o que non sabe é gobernar e non ten ningunha idea de como funciona Europa".

Pacto de todas as forzas progresistas

Para concluír o acto tomou a palabra a cabeza de lista de Sumar, Estrela Galán, que tamén cuestionou que o PSOE "decidise elixir o camiño da dereita" e que "está disposto a pactar coa extrema dereita no Parlamento Europeo".

Por iso, ofreceu á formación socialista "un pacto de todas as forzas progresistas contra a austeridade e os recortes", para que "rompan esa tentación de inclinarse á dereita" e por "unha transición ecolóxica xusta".

"Necesitamos que Teresa Ribera elixa entre o pacto progresista ou o pacto coa ultradereita. E que nos diga que prefiren. Díganolo e dígallo aos votantes de esquerda, abrace á coalición progresista porque iso é o que necesita o Estado español", manifestou.

Tras enumerar diferentes reivindicacións que Sumar expón nesta eleccións, Galán apostou por unha Europa "para mellorar a vida das xentes".

Comentarios