Eleccións Europeas 9-X

A expansión da industria galega dentro da UE: Europa, innovación e sostibilidade como eixos

A UE asóciase a conceptos como distancia ou burocracia pero a súa influencia na economía galega é indiscutible. Tanto así que o desenvolvemento do país sobre piares de sostibilidade e innovación vai depender en boa medida das políticas que se impulsen desde o Parlamento europeo. 
Traballadoras da conserva (Foto: Nós Diario).
photo_camera Traballadoras da conserva (Foto: Nós Diario).

O 9 de xuño volvemos votar, nesta ocasión para elixir deputadas e deputados no Parlamento europeo. Bruxelas e Estrasburgo, as súas sedes, quedan lonxe. Xuraría que a maior parte da cidadanía identifica as institucións comunitarias con conceptos tales como distancia, burocracia ou perda de soberanía antes que con outros como poderían ser cooperación, solidariedade ou progreso. Está xustificada esta falta de aprecio?

O Estado español entrou na daquela chamada Comunidade Económica Europea (CEE) o 1 de Xaneiro de 1986. Desde entón, nada volveu ser igual. A CEE propiciou unha longa xeira de cambios profundos en múltiples eidos. En materia industrial e enerxética –ámbito específico deste artigo– representou a adopción de políticas e normativas comúns e a liberalización comercial respecto dos países membros o que supuxo acceder a un mercado máis amplo pero tamén ter que enfrontar uns competidores cun elevado nivel de desenvolvemento. 

Como consecuencia, a economía galega tivo que asumir a súa reestruturación, modernizar as súas instalacións, mellorar a eficiencia, investir en tecnoloxía e procurar a presenza nos mercados exteriores. Foi un exercicio de reconversión que deixou fondas feridas nalgúns sectores pero que estimulou a transformación dunha economía que precisaba unha fonda renovación ante o reto da globalización daquela incipiente. 

Nesas seguimos. Hoxe en día, a Unión Europea (UE) determina a política industrial e enerxética común, a política comercial e a política de competencia, ademais de establecer normativa industrial específica que deben aplicar os estados membros e proporcionar fondos para apoiar o desenvolvemento industrial e promover a investigación, a innovación e a eficiencia enerxética neses mesmos Estados. 

A industria galega hoxe 

A extensión desta colaboración non permite unha diagnose detallada da situación da industria galega. Pero si é preciso cando menos seleccionar aqueles factores esenciais que a caracterizan de modo que se poidan detectar cales serían as políticas comunitarias beneficiosas para Galicia a partir das eleccións de xuño. 

En primeiro lugar, a industria galega precisa fortalecerse e medrar. Tomamos aquel ano de 1986 e vemos que Galicia supoñía o 5,8% do PIB español, peso que diminuíu ata o 5,2% en 2022. En termos de poboación, Galicia tiña en 1986 o 7,2% dos habitantes de España, cifra que se precipitou ata o 5,7% en 2022. O devalo da economía galega debe deterse de vez porque a tendencia non pode ser máis alarmante. E o motor da recuperación do peso económico ten que pasar pola actividade capaz de xerar un maior valor engadido; isto é, pola industria. 

Porén, a evolución da industria galega resulta ser a menos favorable entre os macrosectores que determinan o PIB. Tal como reflicte o último Panorama económico do Consello Económico e Social de Galicia, “desde o punto de vista sectorial, o crecemento do PIB en Galicia explícase en maior medida polo dinamismo do sector servizos... o que contrasta coa contracción da industria”. Engádese pouco máis adiante: “Fronte á caída interanual do 2% experimentada en Galicia no sector industrial, en España o valor engadido neste sector medra un 3,8%”. O informe sinala tamén a caída do peso da manufactura sobre o PIB galego total, desde o 13,8% en 2008 ata o 11,9% en 2022. 
O conxunto destes datos deixa ver esa primeira característica da industria galega: falamos dun macrosector feble con escasa actividade relativa respecto do total da economía. Subliñamos outras condicións que o caracterizan: 

As políticas europeas de I+D deben dirixirse ás PEMES

—Alta concentración da produción en tres sectores: confección téxtil pola presenza do Grupo Inditex; automoción polo desenvolvemento dunha industria auxiliar competitiva en torno a Stellantis; e alimentario centrado en produtos derivados da gandaría e a pesca. 
—Pequena dimensión media das súas unidades produtivas. 
—Escaso peso da principal variable de competitividade como é o investimento en I+D+i. 
—Consecuencia do anterior, reducido valor engadido industrial.
—Tendencia a unha preocupante sobreexplotación dos recursos naturais tal como amosan reiterados informes da propia Unión Europea que citan, por exemplo, o esgotamento dos ríos ou a perda da biodiversidade. 

Política industrial favorable

Vimos a influencia capital das institucións europeas na política industrial dos seus países membros. Vimos tamén a necesidade de reforzar substancialmente o peso da industria dentro da economía de Galicia. Abonda con unir as dúas frases anteriores para decatarnos da necesidade que temos de que a UE promova estratexias que potencien o fortalecemento sostible da industria galega. Con ese obxectivo, identificamos seis eixos básicos: 
—A UE debe considerar prioritario a elaboración de plans de desenvolvemento rexional en territorios como é Galicia que integren a economía sostible e a cohesión territorial. 
—Como principio esencial, a Unión Europea ten que empecer o desequilibrio brutal existente hoxe en día entre rexións europeas produtoras e consumidoras das chamadas enerxías sostibles. Cada rexión europea debe asumir a súa cota de produción e ningunha debe ser utilizada para fornecer da enerxía que precisan outras comunidades. 
—É necesario que a UE evite que determinadas rexións sexan utilizadas como meros provedores de recursos. Galicia non pode permitir que o seu territorio sexa deturpado pola extracción dos chamados “minerais estratéxicos” ou pola continua expansión dos eucaliptais. 
—E a Unión Europea debe orientar a súa política de I+D cara a pequenas e medianas empresas e compensar a vantaxe competitiva das grandes corporacións nesta actividade fundamental. 
—A UE debe primar ademais a sostibilidade na relación da industria co sector primario. Para Galicia, resulta crítico implantar e desenvolver un agro 4.0 que permita o crecemento dunha industria alimentaria a partir de cultivos agrarios. 
—Por último, debe exixirse á Unión Europea a organización de programas formativos co obxecto de facilitar a transición que se derivaría da execución das liñas de acción anteriores. 

A implantación dunha política comunitaria baseada nos eixos arriba mencionados suporía a oportunidade que Galicia precisa para o crecemento da súa industria con criterios reais de sostibilidade e innovación, que son os únicos válidos para o progreso do país. 
 

Comentarios