Feijóo afirma que o estancamento da economía galega ‘’non depende’’ do seu goberno

Atribúe a un “comportamento incorrecto da industria” que a economía de Galiza tivese o peor comportamento do Estado. A oposición esíxelle que asuma a realidade e un cambio radical de políticas.

Feijóo

O presidente de Galiza afirmou na sesión de control do Parlamento de Galiza que “ningunha das causas” da situación económica do país - “o peor comportamento de todo o Estado”, como lle lembrou pouco antes o portavoz nacionalista, Francisco Jorquera- dependían do seu goberno. Núñez Feijóo fixo unha peculiar radiografía da evolución económica destes meses, resaltando que se os dados foron malos isto debeuse a que “a industria se comportou de forma incorrecta”. Unha frase que posteriormente aclarou nunha nova quenda de resposta para explicar que a produción de automóbiles staba baixa e que Navantia en Galiza tiña un comportamento moito peor que no Estado. Iso, veu dicir, estaba no cerne de que a economía galega non acabase de despegar. E esas cuestións, dixo, “non dependen da Xunta”.

Núñez Feijóo deu a explicación en resposta á pregunta do BNG. Jorquera expuxo dados do IGE e Ine que indicaban como a economía galega “está stancada, estancada no fondo do pozo”. Un PIB que medra moi por baixo da media estatal e lonxe das previsións da Xunta, un índice de produción industrial que descende no país e aumenta no Estado, a queda nas exportacións... O voceiro parlamentar nacionalista fixo unha radiografía afastada da “realidade virtual na que vosté vive, señor Feijóo” para emprazar o presidente a que variase de políticas.

Defender a continuidade de ENCE

Mais Feijóo optou por unha réplica na que defendeu que a economía galega medraba e que se estaba a reducir o desemprego. Disparou contra o BNG (“Pontevedra é a cidade con máis paro”) e acuso @s nacionalistas de “querer pechar ENCE” para despois botarlle a culpa á Xunta. E afirmou que o goberno o que quere "é falar do futuro de ENCE" e inseriuno nun discurso no que defender ENCE é "defender a industria en Galiza".

Na resposta non faltou unha pérola: “Estou orgulloso dos 83.000 estudantes que estudan inglés no ensino público en Galiza”. Unha frase que pronunciara apenas 20 minutos antes en resposta á pregunta de Méndez Romeu (PSdeG), que recriminaba a falla de políticas e medidas da Xunta para facer fronte á situación que padece a mocidade galega. “Todo o que vosté pode ofrecer aos mozos e mozas galegas despois de 6 anos é explotación e emigración”, acusou o socialista. Feijóo afirmou que “hoxe estúdase en Galiza mellor que en tempos de bonanza económica”.

O presidente máis caro

Yolanda Díaz, de AGE, cualificou Feijóo do “presidente máis caro da historia de Galiza” pois baixo o seu mandato a débeda pública aumentou unha meida de cen millóns de euros mensuais. Na resposta, un Feijóo incómodo díxolle: “A súa política económica non existe e a súa demagoxia non ten límite”.

Comentarios