SESIóN DE CONTROL

Feijóo á pregunta do BNG sobre a prórroga a ENCE: “En Galiza temos madeira para surtir 2 ou 3 pasteiras”

Francisco Jorquera reprochou no Parlamento ao presidente da Xunta que “defenda os intereses dunha empresa amiga” antes que o de pontevedreses e galegos. Núñez Feijóo acusou o BNG de querer destruír postos de traballo e defendeu a actual ubicación como a única posíbel.

Feijoo parlamento pedro puy xunta PP
photo_camera Feijóo conversa con Pedro Puy

A prórroga de 60 anos a Ence concedida por un goberno en funcións foi un dos temas que centrou o debate da sesión de control ao presidente da Xunta no Parlamento, cun Núñez Feijóo defendendo a actual ubicación da pasteira fronte a unha alternativa que sería, segundo el, paro e pobreza. Preguntoulle o portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, se a Xunta ía “facer algo” para defender os intereses de Pontevedra e Galiza no canto de “defender os dunha empresa amiga”. O nacionalista criticou que o goberno en funcións se dese présa en prorrogar Ence mentres se negaba a atender os mariñeiros do cerco pondo como excusa que, precisamente, estaba en funcións. “Ao cerco galego, coa porta no nariz; a Ence, portas xiratorias”.

Jorquera: "Ao cerco galego, coa porta no nariz; a Ence, portas xiratorias”

Feijóo tirou man do argumento do emprego. Di que “non nos gusta a ubicación” da pasteira, mais que a actual é a única posíbel. E non hai outra alternativa que, de non querer que estea en Lourizán, “fechala e mandar centos de persoas ao paro”. Atacou o BNG acusándolles de “estar en contra da industrialización de Galiza” e de “non propoñer ubicacións alternativas”. De pouco serviu que Jorquera sacara estatísticas para dicir que Ence é o 20 sector en xerar emprego en Pontevedra, ou que “destrúe máis traballo dos que crea”. O presidente galego afirmou que da pasteira vivían 800 empregos na factoría “ máis os camioneiros, medio porto de Marín e 78.000 familias galegas que lle venden a madeira”. E aí, Feijóo envalentonouse: presumiu de volume de madeira producida en Galiza e afirmou: “Temos madeira para surtir 2 ou 3 pasteiras” como ENCE. Semellaba un remendo do refrán popular, se non queres Ence, dúas cuncas.

Antón Sánchez: “As súas políticas fan unha brutal reconversión silenciosa no rural”

O portavoz parlamentar de AGE, Antón Sánchez, comezou a súa intervención cun recordatorio das “amizades” de Feijóo: “Baltar, Marcial Dorado, Pachi Lucas... dime con quen andas e direiche quen és”. Sánchez preguntou ao presidente da Xunta polo que cualificou como “a brutal reconversión silenciosa” que se está a dar no rural por mor das políticas do Partido Popular. Lembrou que o 70% das explotacións gandeiras que tiveron que fechar en 2015 no Estado eran galegas. O deputado de Alternativa fixo o PP responsábel da “destrución dos sectores primarios deste país” e afirmou que en 2009, ano da chegada á Xunta de Feijóo, había 71.600 ocupados en gando, agricultura e silvicultura. “En 2015, só eran 45.000”. E engadiu que durante os seus gobernos se destruñiron 40.000 empregos na industria.

Antón Sánchez: "Baltar, Marcial Dorado, Pachi Lucas... dime con quen andas e direiche quen és”

Feijóo atacou AGE intentando acusala de prexudicar o emprego en Citroën a raíz da Lei do Solo, de “estar en contra do sector aeronáutico en Galiza e do sector gasístico, e de ENCE”. Para poñer o ramo, o presidente cualificou de “trapalladas económicas” o discurso de Sánchez.

Emprego

O PSdeG, por boca dos eu portavoz na Cámara, Méndez Romeu, reprochou a Feijóo que Galiza estivese a destruír emprego e empeorar os rexistros económicos de Galiza. Unha cuestión que o presidente 'despachou' co xa coñecido recurso de culpar o 'bipartito': “cando vostedes gobernaban habíamenos medre económico”.

Comentarios