41 votos a favor, 34 en contra

Feijóo supera a súa terceira investidura, sen vontade de reformar o Estatuto

Os 41 escanos do PP selaron a terceira investidura exitosa de Feijóo desde 2009. 

Alberto Núñez Feijóo
photo_camera Feijóo, no uso da palabra.

Feijóo saldou con 41 votos a favor (os do seu grupo político) e 34 en contra (14 de En Marea, 14 do PSdeG e 6 do BNG) a sesión de investidura coa que a efeitos práticos dá comezo a décima lexislatura do Parlamento da Galiza.

No debate, Feijóo defendeu o seu legado destes oito anos e os novos desenvolvimentos que anunciou no seu discurso da terza feira, un certo xiro keynesiano co incremento do gasto público como ferramenta para a criación de emprego e co ambicioso obxectivo de criar 100 mil postos de traballo en catro anos.

Na sesión desta quinta feira, Feijóo foi incapaz de explicar como pensa financiar os "orzamentos expansivos" que anuncia para este novo mandato, como pensa incrementar xa en 2017 o teito de gasto en 250 millóns de euros. A oposición no seu conxunto reprochoulle que incrementase, até a triplicar, a débeda pública do país. Feijóo contestou que a percentaxe de incremento do pasivo é unha das máis baixas entre as comunidades autónomas do Estado.

Feijóo foi incapaz de explicar como pensa financiar os "orzamentos expansivos" que anuncia para este novo mandato

A táctica do líder do PP foi a de dividir e encirrar as fendas entre as tres forzas da oposicion, con chiscadelas ao PSdeG que Leicega interpretou correctamente como un amago dun abrazo do oso. "Hai amores que matan", ironizou o portavoz socialista. Feijóo comezara por parabenizar o grupo parlamentar do PSdeG pola súa abstención a Rajoy, puro veleno político tendo en conta que a grande maioría das deputadas e dos deputados que comanda Leiceaga estiveron aliñados no sector de Pedro Sánchez.

Alén do dossier económico -moi centrado desta volta na discusión sobre o devalo demográfico do país, a crise dos seus sectores produtivos, o aprofundamento das desigualdades sociais e a deterioración dos servizos públicos-, o debate arredor do autogoberno foi un dos eixos que vertebraron a sesión. Abriuno, na súa intervención matutina, Ana Pontón, que se posicionou claramente a prol de deixar atrás o que cualificou como "autonomismo fosilizado". Recolleu a luva Leiceaga para, nunha declaración moi medida, afirmar que non demandaba ao presidente da Xunta que abrise a billa da reforma do Estatuto ao considerar que, dada a tensión entre o Estado e o "independentismo catalán", non se daban as circunstancias para mudar a carta política que regula os poderes galegos. Esa concesión dialéctica do portavoz parlamentar do PSdeG non lle pasou desapercibida a Feijóo, quen dixo concordar con Leiceaga en que neste momento non compría plantexar a reforma.

Pontón ofereceu a Feijóo "a nosa man" aberta ao diálogo se o que se pretende desde Monte Pío é "rachar coa dependencia"

Na sesión da tarde, Pontón retomou o asunto e ofereceu a Feijóo "a nosa man" aberta ao diálogo se o que se pretende desde Monte Pío é "rachar coa dependencia". A portavoz do BNG ten claro que sen un modelo de financiamento radicalmente distinto, que parta da cesión de todos os impostos á administración galega, non é posíbel levantar políticas públicas favorábeis ás maiorías sociais "Se xa non hai crise, por que continúa a haber recortes?. Isto aínda non nolo explicou, señor Feijóo", dixo Pontón, quen instou o candidato a presidente a eliminar os copagamentos, resgatar para a sanidade pública o Hospital de Vigo, repor as prazas amortizadas entre o profesorado e o persoal sanitario e dotar de fondos a lei da dependencia.

Tamén Luís Villares entrou no debate sobre o alargamento do autogoberno e defendeu o "desenvolvimento completo do Estatuto", moi na liña do seu argumentario de campaña. O portavoz de En Marea apelou aínda ao artigo 150.2 da actual Constitución española que autoriza a transferencia aos entes subestatais das competencias de titularidade estatal. "Se o presidente do país non está preocupado por ter máis autogoberno, que clase de presidente é ese?", perguntouse Villares.

Luís Villares entrou no debate sobre o alargamento do autogoberno e defendeu o "desenvolvimento completo do Estatuto"

Sobre o autogoberno, na súa intervención final, Feijóo nen sequer aludiu a eventual reforma do Estatuto. Limitouse a dicer que "a inmensa maioría das comunidades autónomas foran intervidas" polo Estado e que Galiza, non. E que iso permitira á Xunta "manter todas as súas competencias durante a crise". Gabouse de que a Xunta non se vise obrigada a recorrer ao Fondo de Liquidez Autonómica (FLA), o que tería evitado que as ordes de pagamento da administración galega se cursasen desde o Ministerio de Facenda e non desde o goberno galego. "Que terían dito de min se non tivésemos mantido a autonomía á hora de colocar a débeda pública galega nos mercados?", perguntouse retórico Feijóo. A seguir, asinou unha frase que, en abstracto, o BNG rubricaría sen problemas: "Sen autonomía financeira, non hai autonomía política".

Feijóo gabouse de que a Xunta non se vise obrigada a recorrer ao Fondo de Liquidez Autonómica (FLA)

Concluíu o debate con Feijóo a destilar un certo ar paternalista no ollar que deitaba ás bancadas da oposición. Xa se sabe: el non é militante do PP, senón de Galiza. O seu novo eslogan. Con el pasou a ser votado pola Cámara. 41 votos a favor, 34 en contra. O candidato xa é presidente do goberno galego.

Comentarios