O fiscal xeral do Estado defende a aplicación completa da lei de amnistía

Álvaro García Ortiz presentou un escrito no que defende que se debe aplicar a lei de amnistía á malversación que se lle atribúe ao ex president de Catalunya, Carles Puigdemont, así como a outros líderes do procés.
Álvaro García Ortiz, fiscal xeral do Estado (Foto: A. Pérez Meca / Europa Press).
photo_camera Álvaro García Ortiz, fiscal xeral do Estado (Foto: A. Pérez Meca / Europa Press).

O fiscal xeral do Estado, Álvaro García Ortiz, presentou esta sexta feira un escrito no que defende que se debe aplicar a lei de amnistía á malversación que se lle atribúe ao ex president de Catalunya, Carles Puigdemont, así como a outros líderes do procés.

Así se pronunciou nun decreto que asina despois de que a cuarta feira recibise dos fiscais do procés un informe no que se opuñan a aplicar a norma á malversación. "Procede declarar amnistiadas a totalidade das condutas que foron e son obxecto dos devanditos procedementos, así como levantar as medidas cautelares que penden respecto de algún dos procesados", avoga o fiscal xeral no escrito.

Ademais, García Ortiz chama a atención sobre o feito de que os fiscais do Tribunal Supremo "anticiparon a formulación dunha discrepancia" coa postura da Fiscalía Xeral (artigo 27 do Estatuto Orgánico do Ministerio Fiscal) "sen coñecer previamente o contido da orde ou instrución nin os argumentos en que esta se fundamenta".

Os catro fiscais do Tribunal Supremo mostráronse en contra de amnistiar este delito ao entender que os procesados si tiveron ánimo de lucro e que a súa actuación si afectou os intereses financeiros da Unión Europea (UE).

Naquel informe, os fiscais Javier Zaragoza, Fidel Cadena, Consuelo Madrigal e Jaime Moreno avisaron García Ortiz de que se non estaba de acordo con este criterio e considerababa que si debe aplicarse a lei de amnistía a estes procesados debería "ordenalo por escrito de maneira motivada e fundada".

Os catro asinantes adiantaron que se o fiscal xeral plasmaba por escrito que propuña aplicar a amnistía á malversación no marco do procés, invocarían o artigo 27 do Estatuto Orgánico do Ministerio Fiscal para elevar o asunto á Xunta de Fiscais para que se pronuncien sobre as dúas posturas. Cómpre lembrar, con todo, que o fiscal xeral ten o poder de facer valer o seu criterio tras escoitar o conclave, tal e como fixa o Estatuto.

Non obstante, os fiscais do procés apuntaron que se García Ortiz -tras a Xunta de Fiscais- impón que se debe aplicar a amnistía eles non asinarán este decreto, senón que deberá facelo o propio fiscal xeral ou outro fiscal que el designe.

Aínda que non ven posíbel amnistiar a malversación no marco do procés, os catro fiscais si ven viábel aplicar a norma aos delitos de desobediencia e de desordes públicas que se circunscriben ao proceso independentista catalán.

Comentarios