O Goberno estatal destina 53,1 millóns á Galiza para estender a cobertura móbil 5G aos concellos máis pequenos

Moncloa pretende que ao remate de 2025 todo o territorio galego conte con conexión a Internet de alta velocidade, ben por fibra ou por satélite, e que a cobertura 5G sexa accesíbel para toda a poboación.
O delegado do Goberno estatal na Galiza, Pedro Branco (no centro), revisando o programa. [Foto: Nós Diario]
photo_camera O delegado do Goberno estatal na Galiza, Pedro Branco (no centro), revisando o programa. [Foto: Nós Diario]

O delegado do Goberno estatal na Galiza, Pedro Branco, e o deputado do PSOE e portavoz de Economía no Congreso, Pedro Casares, avanzaron esta sexta feira que Moncloa vai investir 53,1 millóns de euros no país para levar a cobertura móbil 5G a concellos de menos de 10.000 habitantes. Fixérono no marco dunha xornada de traballo na que visitaron as instalacións da empresa Cinfo, na Cidade das TIC da Coruña, acompañados polo seu presidente e responsábel do Clúster TIC, Antonio Rodríguez del Corral.

Alí, Pedro Branco avanzou que esta quinta feira o Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública, a través da súa Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais, publicou a resolución provisional destas axudas, enmarcadas no programa UNICO Redes Activas. Esta resolución mobiliza 508 millóns de euros en todo o Estado para levar a infraestrutura necesaria que dote de cobertura 5G a máis de 1,8 millóns de habitantes de municipios pequenos, ademais de dotar de cobertura a 30.000 quilómetros da rede de estradas.

"No caso da Galiza, vai permitir levar o 5G por centos de vilas e aldeas aos que esta tecnoloxía probabelmente non chegaría en anos, xa que non é economicamente rendíbel para a iniciativa privada", destacou o delegado. Darase cobertura 5G a 146.000 habitantes e a máis de 4.600 quilómetros de estradas.

Pola súa parte, o deputado Pedro Casares indicou que o Goberno "está a apostar de forma decidida por unha Galiza máis verde e dixital”, garantindo que ao remate de 2025 todo o territorio galego conte con conexión a Internet de alta velocidade, ben por fibra ou por satélite, e que a cobertura 5G sexa accesíbel para toda a poboación.

As actuacións, financiadas con cargo aos fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno, foron adxudicadas en todo o territorio galego ás empresas Orange e Telefónica e, como apuntou Branco, "van permitir facer xustiza social tecnolóxica, fechar a fenda dixital e brindar á cidadanía todas as posibilidades que o 5G ofrece para aplicalas en actividades agrícolas, turismo ou na mellora do seu día a día".

5G sectorial

Durante a visita ás instalacións da Cidade das TIC e á sede de Cinfo, o delegado do Goberno na Galiza tivo ocasión de coñecer outra das iniciativas que se desenvolven no marco do Programa UNICO. Trátase do proxecto Terpe&Talia, que desenvolve a empresa coruñesa e que promove a creación dun sistema baseado en Intelixencia Artificial para automatizar a produción audiovisual de actividades artísticas en directo.

Para esta iniciativa, Cinfo vén de recibir unha axuda de 1.220.344,99 euros no marco do programa UNICO 5G Sectorial, financiado con cargo aos fondos do Plan de Recuperación. O resultado final será un sistema que sexa capaz de producir como o faría un humano. É dicir, que, a través da intelixencia artificial, será capaz de detectar o escenario, a decoración e panos, actores, quen é o vocalista e quen os músicos, os instrumentos, terá en conta os xogos de luces para axustar as cámaras e será especialmente detallista coa sincronización de audio.

Neste senso, o delegado incidiu no protagonismo que a Intelixencia Artificial vai ter nos próximos anos e celebrou que a cidade da Coruña, con iniciativas como as que poidan saír da Cidade das TIC e coa posta en marcha da Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA), "vaia ser un referente nesta materia a nivel galego, nacional e mesmo internacional".

Kit Dixital

O delegado visitou tamén o estabelecemento hostaleiro ‘Hemingway’, un dos numerosos beneficiados do programa Kit Dixital na cidade da Coruña, onde almorzou do seu xerente, Luis Diz. Pedro Branco valorou a utilidade desta iniciativa para as empresas, "evidenciando o compromiso do Goberno coa transformación dixital do tecido produtivo galego e impulsando todo o crecemento económico da comunidade". Valorou o papel chave que as pemes e autónomos xogan dentro do ecosistema empresarial e fixo un chamamento a estas empresas para que aproveiten a nova ampliación do Kit Dixital, anunciada polo Goberno este mesmo mes de maio.

A principal novidade desta ampliación é que, por primeira vez, poderán acceder a el as empresas que teñan entre 50 e menos de 100 empregados e ás de entre 100 e 250, que se beneficiarán de axudas de ata 25.000 e 29.000 euros, respectivamente. Ademais, as persoas autónomas e as empresas de menos de tres empregados ou empregadas poderán acceder a un máximo de 3.000 euros de subvención no canto de ata 2.000, como ata o de agora.

Para elas tamén se abre a solución ‘Posto de Traballo Seguro’, que ascende aos 1.000 euros por beneficiario e está pensada para financiar a compra de ordenadores para traballadores, de xeito que se garanta a súa seguridade e privacidade dentro do posto de traballo.

Comentarios