Luís Menor, proclamado único candidato á presidencia do Partido Popular de Ourense

Luis Menor, presidente da Deputación de Ourense nos corredores da Deputación (Foto: Deputación de Ourense).
photo_camera Luis Menor (Foto: Deputación de Ourense).

A comisión organizadora do décimo noveno Congreso Provincial extraordinario do Partido Popular de Ourense acordou, por unanimidade, proclamar Luís Menor como único candidato á presidencia do Partido Popular de Ourense.

Esta quinta feira ás 14:00 horas pechábase o prazo para presentar precandidaturas e Menor era o único candidato após presentar 1.583 avais.

Agora, segundo o estabelecido no artigo 20 do regulamento do conclave, a comisión comprobou que o precandidato "reúne os apoios estatuarios e regulamentariamente necesarios".

Entre estes requirimentos figura conseguir un mínimo de 75 avais entre os afiliados, estar adherido ao partido desde hai máis de doce meses e estar ao corrente do pago das cotas.

O acordo da comisión organizadora supón que non se convocarán asembleas de votacións de precandidatos entre os afiliados inscritos.

O actual líder da xestora en Ourense, Luís Menor, enxalzaba que a vitoria nas urnas, así como a resposta dos populares ourensáns ás súas propostas, foron "unha motivación extra para dar o paso" e presentarse á presidencia dun partido no que "se ve ilusión, dose de entusiasmo e ganas de colaboración e traballo".

Tamén subliñaba a transcendencia da súa proclamación interna porque lle dará "lexitimidade". Nesta liña expuña que "a lexitimidade orgánica tense a través do Congreso" e que "unha persoa que vai a un congreso e sae elixido, se todo salgue como parece, por practicamente consenso, ten máis forza que unha persoa que é designada por unha xestora".

"É obvio", remarcaba. Na reunión da comisión tamén se convocou a campaña electoral interna para a elección do presidente do PP de Ourense, período que principia mañá e termina o próximo 3 de xullo.

Comentarios