En Marea denuncia na Xunta Electoral “propaganda indebida” do Goberno galego

Afirma que a campaña sobre logros en materia turística divulgada na web institucional da Xunta vulnera a normativa vixente sobre procesos electorais.

luís villares

En Marea presentou denuncia contra a Xunta ante a Xunta Electoral Central (XEC) pola “divulgación de propaganda indebida en época preelectoral”. A formación critica a publicación na páxina web institucional dunha campaña de logros e proxectos “completamente inadecuada debido á proximidade das eleccións”. Para En Marea, o Goberno galego está a incumprir a normativa vixente sobre regulamento da campaña.
 

Denuncia o “afán propagandístico do goberno de Núñez Feixoo”, pois considera que a divulgación da campaña "Xuntos estamos construíndo a mellor Galicia para visitar, que é tamén a mellor Galicia para vivir" non ten outro obxectivo que “eloxiar os logros do Partido Popular en materia turística e de xeración de emprego”.
 

A nomeada campaña, afirman, vulnera o artigo 50.2 da LOREG; así como a Instrución 3/2019, de 4 de marzo de 2019 da Xunta Electoral Central sobre consecuencias da simultaneidade na celebración das eleccións xerais do 28 de abril, e das locais, autonómicas e europeas previstas para o 26 de maio no que se refire ao regulamento de campaña electoral.

Comentarios