Marilar Aleixandre e Fernán Vello, entre os 7 integrantes da Coordenadora do Encontro por unha marea galega

O órgano do 'Encontro cidadán por unha marea galega' xorde dun proceso de votación interna no que tamén resultaron eleitos Quique Costas, Gonzalo Rodríguez, Einés Monteagudo, Patricia Carballal e Carmen Santos.

O 'Encontro cidadán por unha marea galega' xa ten Coordenadora, eleita por votación nun proceso no que votaron 503 persoas dun total de 1.313 electores que compuñan o censo. A persoa máis votada foi a escritora Marilar Aleixandre, seguida de Quique Costas e Gonzalo Rodríguez. Completan a lista Miguel Anxo Fernán Vello, Einés Monteagudo, Patricia Carballal e Carmen Santos.

Quen é quen?

Marilar Aleixandre é escritora e comprometida co feminismo, é unha das impulsoras do Encontro. Fixo parte da candidatura de Compostela Aberta nas pasadas eleccións municipais. Quique Costas tamén está no grupo impulsor do Encontro Cidadán e é coordinador de Ames Novo. É voceiro da Plataforma de afectad@s pola hepatite C. Gonzalo Rodríguez é profesor na Universidade de Compostela e membro de Attac. Tamén estaba no grupo impulsor da 'Marea Galega'. O escritor e editor Fernán Vello, colaborador na sección de Opinión de Sermos Galiza, é outro dos integrantes da Coordinadora. Militante de Anova. Einés Monteagudo, estudante de Medicina na USC, representante de estudantes na Xunta de Facultade e no Claustro universitario. Patricia Carballal é membro de Lugonovo e enxeñeira de Telecomunicacións. Carmen Santos traballa no Instituto de Investigacións Mariñas-CSIC de Vigo e en xullo demitiu das súas responsabilidades en Podemos-Galiza (onde fora a muller máis votada nas eleccións ao Consello Cidadán galego) en desacordo coa 'liña oficial'.

Comentarios