Medio Ambiente

Moncloa delega na Xunta as potenciais afeccións de Altri

O Goberno estatal lembra que a tramitación ambiental e o potencial impacto das instalacións sobre o medio son competencia de San Caetano.
Carteis en contra de Altri en Palas de Rei. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Carteis en contra de Altri en Palas de Rei. (Foto: Nós Diario)

O Goberno estatal subliñou esta segunda feira que corresponde á Xunta da Galiza realizar "calquera avaliación que sexa necesaria" e analizar "as posíbeis afeccións" da fábrica de fibra téxtil que a multinacional Altri proxecta no concello de Palas de Rei (A Ulloa). Nunha resposta escrita a unha pregunta formulada polo BNG no Congreso, Moncloa destaca que as competencias en materia de xestión do dominio público hidráulico no ámbito de referencia "corresponden á comunidade autónoma por tratarse de concas intracomunitarias".

No tocante ao trámite de autorización ambiental, que a Xunta sacou a información pública a comezos de marzo durante un mes, o Executivo español precisa nesta resposta —asinada o pasado 30 de abril— que "actualmente non consta no Ministerio para a Transición Ecolóxica en tramitación ningún procedemento de avaliación ambiental sobre o proxecto para a instalación dunha planta de celulosa líquida" na Ulloa.

Por outra parte, o Goberno informa de que a superficie cultivada con eucalipto (Eucalyptus spp.) en todo o Estado español alcanza xa as 569.677 hectáreas, segundo os últimos datos do Anuario de Estatística Forestal, correspondentes ao ano 2021.

"As políticas forestais das rexións onde alcanza as súas maiores extensións non inclúen o aumento da súa superficie nos próximos anos, ao estabelecérense limitacións a novas plantacións —casos da Galiza, Asturias, Euskadi, Estremadura e Andalucía—". engade o Goberno na súa misiva.

Dependencia da pesca

Noutra orde de asuntos, nun acordo do Parlamento da Galiza de febreiro de 2021 o país foi recoñecido como "zona altamente dependente da pesca", polo que se instaba o Estado a realizar os trámites oportunos ante as autoridades europeas para obter a citada declaración da Galiza.

Cuestionado tamén sobre este asunto polo BNG no Congreso, o Goberno estatal responde que "esta figura non existe na regulamentación comunitaria e, polo tanto, tampouco existe un criterio para estabelecer a dependencia dunha zona concreta a respecto da pesca".

E sobre os fondos europeos, "tampouco se contempla esta figura en ningún deles, nin sequera no actual Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (FEMPA), polo que non tería ningunha vantaxe económica".

Comentarios