O alcalde de Muras acusa a empresa Urbas de ofrecer prezos "irrisorios" por terreos para unha mina de feldespato

Urbas recibiu a pasada semana a autorización da Xunta para explotar un xacemento de feldespato ao descuberto.
Manuel Requeixo, alcalde de Muras (Foto: Nós Diario).
photo_camera Manuel Requeixo, alcalde de Muras (Foto: Nós Diario).

O alcalde de Muras, Manuel Requeixo (BNG), acusou a empresa Urbas de ofrecer "prezos irrisorios" a propietarios dos terreos na parroquia de Silán do municipio para explotar un xacemento de feldespato.

Requeixo precisou que "os técnicos municipais están a revisar a documentación que presentou a empresa no Concello" e engadiu que "cando acaben de revisalos verase se se cumpre coa normativa".

"Non temos información real no Concello; cando menos sorprende que se faga unha valoración do xacemento que hai alí (Silán)", advertiu.

Ademais, sinalou que polo que lle consta a el "o que se está ofrecendo aos propietarios dos terreos, que teñen explotacións gandeiras", son prezos "irrisorios".

"Está a ocorrer algo semellante ao que ocorreu cando foi o inicio dos parques eólicos. Esperemos que non se repita nesta ocasión, a condición de que a empresa cumpra coa documentación que sexa correcta e estea en orde", agregou.

Manuel Requeixo afeou que "coa Xunta non houbo comunicación ningunha" e engadiu que si a houbo coa empresa pero "en momentos puntuais".

Alegacións

A veciñanza, pola súa parte, presentou alegacións, segundo confirma o rexedor.

Urbas recibiu a pasada semana a autorización da Xunta para explotar este xacemento de feldespato ao descuberto. Segundo a empresa poderíanse crear máis dunha vintena de empregos.

Comentarios