O PP rexistra no Parlamento a comisión de investigación sobre as caixas

Aínda que o deputado popular Rodríguez Miranda aseguraba hai dous días que a comisión de investigación “non corría présa”; os rumores sobre un posíbel adianto electoral levan o Partido Popular de Galiza a iniciaren os trámites para a investigación do proceso de fusión entre as caixas galegas.  

Parlamento da Galiza
photo_camera Parlamento da Galiza

“Onde dixen digo, digo Diego”, esa é a premisa que está a seguir o PPdeG coa comisión de investigación sobre a fusión das caixas. Como se quixesen (re)dirixir a atención cara á outras cuestións, o PPdeG vén de rexistrar esta cuarta a petición para activar o proceso de investigación das caixas froito dunha “profunda transformación do sistema financeiro galego”, asegurou esta mañá o voceiro d@s populares, Pedro Puy. De acordo coa proposta achegada ao Parlamento, o PP solicita habilitar a Cámara durante o resto do mes de agosto para tal fin, polo que o posíbel adianto electoral nos vindeiros días esvaécese, malia non desaparecer.

Ao longo destes últimos meses de actividade parlamentar, os grupos da oposición insistiron en repetidas ocasións na creación da devandita comisión, non obtendo por resposta máis que negativas do grupo popular. Finalmente o PP decidiu creala, malia non considerar –até esta cuarta-- que a cuestión tivese que ser tramitada con demasiada celeridade. O cambio de opinión nas filas do PPdeG despois de se situaren no punto de mira dos medios de comunicación cunha posíbel convocatoria adiantada das eleccións nacionais, procura crear maiores incógnitas sobre a data destas.

Carme Adán, deputada do BNG, asegurou que a nova "chega tarde" pois xa se convocou un pleno extraordinario a comezos de agosto para crear a comisión de investigación. Con todo, Adán salientou que o PP é "especialista en crear cortinas de fume" polo que non descartan que poida ser outra estratexia para desviar a atención dos medios perante o posíbel adianto das eleccións. A deputada nacionalista, insistiu na necesidade de que Núñez Feijóo esclareza "o calendario electoral". 

Pola súa banda, a deputada parlamentar do PSdeG-PSOE, María Xosé Caride, aseverou a respecto das declaracións de Puy que agardan "non sexa unha tomadura de pelo ás galegas e galegos e que signifique que non vai haber adianto electoral". Segundo a socialista, o seu grupo espera que a comisión se poida crear xa, "esta mesma semana", dixo, "para comezarmos a traballar decontado". Así mesmo, Caride asegurou que a mellor mostra de boa vontade que pode achegar o PP é "pór riba da mesa de tod@s @s deputad@s a auditoría sobre a que se avalaba a fusión e pola que levamos agardando dous anos". 

 

 

 

 

 

 

Comentarios