A oposición alegará contra o plan de cobertura da CRTVG nas eleccións municipais

A corporación pública afirma que “cumpre a lei”.

Sede central da CRTVG en San Marcos (Santiago de Compostela) #tv #televisión #radio #crtvg #tvg #radiogalega #xornalismo (Foto: Nós Diario)
photo_camera Sede central da CRTVG en San Marcos (Santiago de Compostela) #tv #televisión #radio #crtvg #tvg #radiogalega #xornalismo (Foto: Nós Diario)

O BNG, o PSdeG, Podemos e Vox confirmaron que prevén presentar alegacións contra o plan de cobertura da CRTVG das eleccións municipais do 28 de maio do que discrepan por diferentes motivos, desde a formulación dos debates nalgúns casos á presenza de forzas. No PPdeG, pola súa banda, expresaron conformidade co mesmo.

Nun comunicado, o Bloque informou de que recorre ante a Xunta Electoral da Coruña o plan ao entender que "os medios públicos minimizan a difusión dunha información fundamental para a cidadanía, relegando a horarios de moi escasa audiencia entrevistas e debates".

Segundo sinalan, "incúmprese o deber como medio público de garantir o pluralismo político e social" e ven "desproporcionado" o tempo asignado ás forzas políticas, salvo PP e PSOE, sen ter en conta os resultados das eleccións equivalentes anteriores na Galiza". A consideración que fai o Bloque refírese a Vox que, "con cero concelleiros dispoñerá da metade de tempo asignada ao BNG" a pesar de "carecer de implantación algunha no territorio".

Ademais, aseguran que o plan está "incompleto" por non especificar a programación especial da xornada electoral. Así, o BNG pide a realización de entrevistas aos principais candidatos de formacións con ámbito de implantación na Galiza en horarios e formatos de maior audiencia, como o prime time da TVG.

Tamén solicita un reparto proporcionado do tempo en función dos resultados das anteriores eleccións equivalentes, así como que se reconsidere a condición de grupo político significativo e que se introduza na temática os debates e cuestións relativos á lingua, cultura e patrimonio, así como igualdade e medio ambiente.

Críticas de PSdeG

Pola súa banda, o PSdeG presentará alegacións contra o plan ao discrepar coas datas elixidas para os debates, ao considerar que non foron dialogadas. Ademais, sinalaron que tamén hai discrepancias compartidas entre distintas forzas sobre os enunciados dos bloques temáticos destes debates.

Pola súa banda, Podemos avanzou que prevé presentar tamén alegacións ao plan, aínda que indicaron que deben estudar o asunto en profundidade.

Así mesmo, mentres que Cidadáns non prevé, a priori, dar a batalla, Vox tamén confirmou que recorrerá o plan. Foron incluídos nos bloques informativos, pero non así en debates e entrevistas para as cidades.

Plan de cobertura

En concreto, o plan de cobertura da Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) para as próximas eleccións do 28 de maio (28M) inclúe nos seus bloques informativos de actualidade electoral a Vox a pesar de que a formación non logrou representación en ningunha corporación galega nos últimos comicios locais de 2019. O motivo é que se recoñece como "grupo político significativo".

Neste caso, o propio documento de cobertura que propón a CRTVG, identifica como grupos políticos significativos a partidos, federacións ou coalicións que presenten candidatura en municipios que comprendan "polo menos ao 50% por cento da poboación de dereito nas circunscricións incluídas no ámbito de difusión dos medios".

Reparto de tempos

En concreto, o reparto de tempos nos bloques de información electoral da TVG que se poñen sobre a mesa son de 1 minuto e 43 segundos para o PP, 1 minuto e 42 segundos para o PSOE, 40 segundos para o BNG, 20 segundos para Vox e 15 segundos para outras formacións.

Na Radio Galega os tempos asignados para as distintas formacións nos 15 días de campaña serán de 2 minutos e 5 segundos para o PP, 2 minutos e 3 segundos para o PSOE, 48 segundos para o BNG, 20 segundos para Vox e 15 segundos para outras candidaturas.

Vox, excluído dos debates municipais

Ademais de informar sobre a súa actividade no bloque reservado a "outros", formacións que, a diferenza de Vox, si teñen concelleiros nas principais corporacións terán presenza noutros espazos. Por exemplo, nos debates de candidatos nas cidades que propón a CRTVG entre os días 15 e 24 de maio; ou nas entrevistas radiofónicas.

De feito, no caso dos debates das cidades, o plan de cobertura constata que a participación nos mesmos restrinxirase exclusivamente aos cabezas de lista de cada formación política con representación na Corporación municipal (o que sitúa fóra dos mesmos aos candidatos da formación de Santiago Abascal).

Os debates televisados dos candidatos de Vigo propóñense para o 15 de maio; para o 16, o da Coruña; 18, Ourense; Lugo, o 19 de maio; Santiago, o 22; Pontevedra, o 23; e Ferrol, o 24 de maio.

A CRTVG asegura que se axusta á lei

Fontes da CRTVG destacaron que o Plan de Cobertura está suxeito á Lei Orgánica de Réxime Electoral Xeral (Loreg), como marco legal "base de todo o documento" e que os tempos respectan o principio de proporcionalidade. "A CRTVG o que fai é aplicar os criterios que marca a lei", indicaron.

Comentarios