A oposición denuncia “portas xiratorias” na empresa pública de augas en Ames

O nomeamento da ex concelleira de Podemos á fronte da compañía Genma Otero saíu adiante co voto de calidade do alcalde.

genma otero
photo_camera Genma Otero (Foto: Concello de Ames)

A Entidade Pública Empresarial Augas de Ames, EPEL, botou a andar o pasado mes de abril, logo de que a súa constitución formal fose aprobada en maio de 2023. O alcalde deste concello da comarca de Compostela, Blas García (PSdeG), en calidade de presidente do Consello de Administración da EPEL, propuxo hai unhas semanas o nomeamento para o posto de xerente da ex edil de Facenda e ex concelleira de Podemos, Genma Otero. Toda a oposición (BNG, PP e Espazo Común) amosaron o seu rexeitamento a esta proposta, que cualificaron como “porta xiratoria”.

Este rexeite materializouse esta semana, na reunión na que, co voto de calidade do alcalde, se aprobou o nomeamento de Otero Uhía como xerente da EPEL co voto en contra das tres forzas da oposición municipal.

“Dende o BNG atopamos conflitos de intereses, xa que os méritos que se valoran da candidata proposta son méritos moi cuestionábeis. Genma Otero foi membro da comisión do ciclo integral da auga e polo tanto, encargada de validar o modelo de cambio de xestión, encargouse tamén da coordinación e seguimento do proceso de municipalización onde participou nos traballos de preparación do expediente para a creación de dita  entidade”, indica a formación nacionalista amesá.

O BNG manifesta serias críticas o procedemento “por falta de transparencia, documentación e información, sobre os méritos recoñecidos á candidata proposta”. Os membros do Consello de Administración presentes por parte do BNG, preguntaron se na puntuación obtida pola persoa que se propón, se tivo en conta o tempo prestado en función de ser un cargo electo, “e derivado diso como membro da Xunta de Goberno Local do Concello de Ames, en función da designación libre e discrecional do alcalde”.

“As esixencias constitucionais de mérito, capacidade e igualdade están incumpridas cando se valora a experiencia nun posto cuxa obtención é resultado dun nomeamento totalmente libre, pois encarna un mérito que non estivo a disposición de todos os aspirantes. Tendo en conta ademais, que chegamos a esta situación, porque precisamente nos trámites previos, todos os documentos non tiña avais por informes de especialistas xurídicos e de intervención”, conclúe o BNG.

Para Espazo Común, estamos diante “dun traxe feito a medida revestido de legalidade”. Para Espazo Común esta é a “primeira porta xiratoria” no equipo de Blas García. Lembra que non só propuxo unha persoa que ocupou un cargo público até hai pouco, senón que tamén é “a que menos puntuación acada en formación de todas as aspirantes ao cargo”.

Comentarios