Os partidos prepáranse para mover ficha após a segunda votación para investir a Sánchez

O PSOE dá por feito que o seu candidato non logrará saír electo tampouco esta sexta feira. O resto das formacións preparan a súa estratexia para o escenario que se abre a partir do 5 de marzo. A alcaldesa de Madrid, Manuel Carmena, pediu o apoio á investidura de Sánchez.

pedro sanchez congreso investidura

Todos agardan o fracaso de Pedro Sánchez na segunda votación de investidura, que decorre na tarde desta sexta feira. A votación agárdase como un simple trámite no que se lle volva dicir 'non' pola maioría dos deputados, para comezar entón as diferentes organizacións a mover ficha sobre o taboeiro político. Sánchez colleitou na primeira votación 130 votos a favor (PSOE, Cs), 1 abstención e 219 en contra. Un resultado que practicamente se repetirá esta sexta feira. O candidato socialista precisaría para ser investido máis votos co Si que co Non (maioría simple).

Esta fin de semana comeza, logo, a conta atrás de dous meses para investir presidente ou, de non se lograr, ir a novas eleccións. Dolores de Cospedal, secretaria xeral do PP, afirmou nunha entrevista en Tele5 que Mariano Rajoy estaba disposto a chamar a Sánchez despois desta segunda votación para dialogar. Rajoy segue a apostar nunha gran coligazón PP/PSOE co apoio de Ciudadanos. Non contempla ningún outro escenario. Mais nin PSOE nin PP contempl,n un escenario con Rajoy. De se dar ese acordo a tres – o que sería moito prever- o presidente do goberno en funcións sería a figura sacrificada. Ninguén quere gobernar con el.

Mais non só Mariano Rajoy está disposto a chamar a Pedro Sánchez. Sergio Pascual, secretario de Organización de Podemos, manifestou a aposta do partido de Pablo Iglesias en “recuperar o diálogo canto antes” cos socialistas. O escenario preferido, unha mesa a catro, con PSOE, Podemos- confluencias, Compromís e Izquierda Unida. É do que gosta tamén IU, que por boca de Alberto Garzón, portavoz de IU-UP, anunciou que Podemos e Cs xa deran o visto bo a esta proposta de diálogo a catro. Falta o PSOE. Mais nos socialistas non parece que haxa moita ansia de se sentar cun Podemos cuxo discurso na sesión de investidura os indignou.

Porén, algunhas voces do que se denomina 'forzas do cambio' comezan a pedir que se favoreza a investura de Sánchez. Unha delas, a de Manuel Carmena, alcaldesa de Madrid, que reivindicouun apoio á investidura do socialista como presidente do Gobierno español, xa que , na súa opinión, "o peor" que pode pasaré ir a unha repetición das eleccións. "Creo que non é bo que esteamos sen goberno. Desexaría con todas as miñas forzas que do vindeiro debate saíse un acordo cun Goberno forte de cambio", comentou a rexedora.

En Marea: “A nosa man está tendida”

Antón Gómez-Reino, 'Tone', deputado de En Marea no Congreso e un dos homes fortes de Pablo Iglesias na Galiza, afirmou esta quinta feira en Radio Voz que “a nosa man está tendida ao diálogo”, afirmando que esperaban “que a partir do día 5 o PSOE queira volver ao camiño do cambio”. Gómez-Reino tamén convida o PSdeG a se posicionar se quer estar “a carón da xente e das mareas” ou ben a carón “dos recortes do PP”.

Comentarios