23-X

Pontón afirma que PP e PSOE non queren debater porque "non teñen nada que ofrecer a Galiza"

"Estou segura de que a razón de fondo de que o PSOE e o PP non queiran un debate galego en 'prime time' é porque non teñen nada que ofrecerlle á cidadanía", manifestou Pontón.
Ana Pontón esta segunda feira en Pontevedra (Foto: Nós Diario).
photo_camera Ana Pontón esta segunda feira en Pontevedra (Foto: Nós Diario).

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, afirmou esta segunda feira que "a razón de fondo" pola que socialistas e populares non queren un debate nos medios públicos galegos das organizacións representativas na Galiza ten que ver con que "non teñen nada que ofrecer".

"Estou segura de que a razón de fondo de que o PSOE e o PP non queiran un debate galego en 'prime time' é porque non teñen nada que ofrecerlle á cidadanía", manifestou Pontón en declaracións aos medios despois de que ela ofrecese debater aos líderes do PPdeG e do PSdeG, Alfonso Rueda e Valentín González Formoso, respectivamente.

"Que lle van contar?, que estiveron a discriminar uns e outros a Galiza durante anos?", ironizou Pontón, quen acusou a socialistas e populares de deixar a Galiza "como a última carta da baralla". "

Esta é a razón pola que non queren un debate en ‘prime time’ e que falemos de que se xoga Galiza nestas eleccións", remarcou.

"Pór a Galiza no centro"

Pontón volveuse mostrar convencida de que este 23 de xullo "miles de galegos van apostar por pór a Galiza no centro", e "acabar coa discriminación das forzas estatais".

"E vano facer collendo a papeleta do BNG, porque vale dobre, porque serve para darlle voz e peso político a Galiza, pero tamén serve para frear a extrema dereita coa que se alía o PP de Feixoo, que é racista, xenófoba e profundamente antigalega", sentenciou.

Comentarios