28-M

Pontón, convencida de que o BNG "superará" as enquisas: "Vexo un apoio cada vez maior"

A líder nacionalista asegura que o 28 de maio "vai dar a sorpresa" en moitos municipios do país.
Ana Pontón e Goretti Sanmartín, no centro, na manifestación de Queremos Galego en Santiago. (Foto: Arxina)
photo_camera Ana Pontón e Goretti Sanmartín, no centro, na manifestación de Queremos Galego en Santiago. (Foto: Arxina)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, mostrouse esta cuarta feira convencida de que a súa formación "vai dar a sorpresa" nas eleccións municipais do 28 de maio e, deste modo, "vai superar todas as enquisas como tamén o fixo nas galegas" de 2020, cando as nacionalistas bateron todas as súas marcas alcanzando os 19 escanos e volvendo ser a primeira forza da oposición.

"O certo é que é unha campaña na que estamos moi ilusionadas no BNG, vendo que hai unha gran corrente de simpatía cara á nosa organización", manifestou, en declaracións aos medios antes de participar na manifestación organizada en Santiago de Compostela pola plataforma Queremos Galego para reivindicar o uso da lingua propia do país "aquí e agora".

Así, salientou o "achegamento" que percibe nas rúas ao proxecto do BNG. "O que vexo nos actos é que nos desbordan, que cada vez temos máis xente e hai un apoio maior. Estou convencida de que o BNG vai dar a sorpresa nestas eleccións municipais, imos superar todas as enquisas", remarcou Pontón, quen insistiu en que o Bloque é "unha forza á alza".

"Hai moita cidadanía que está xa cansa do bipartidismo, que quere outra forma de facer política, que quere afianzar nestas eleccións municipais unha formación como o BNG, que non ten máis interese que a defensa dos galegos", concluíu Pontón.

Esta cuarta feira, contra as 20 horas, a líder nacionalista continuará en Vilagarcía de Arousa a súa ruta de campaña para apoiar o seu candidato á Alcaldía do municipio, Xabier Rodríguez Paz.

O PP, "lingüicida"

Pontón aproveitou a súa intervención ante os micrófonos para presentar este día, 17 de maio, como unha xornada para "denunciar e reivindicar", pois "ao longo de 14 anos, temos un Goberno do Partido Popular dedicado a traballar en contra do galego e da Galiza".

Os datos demostran claramente a "política lingüicida do PP", dixo, cando por primeira vez o galego xa non é a lingua maioritaria da Galiza, con 24% de menores de 14 anos que afirman, non saber falar en galego. "E constatamos como o galego continúa excluído de moitos ámbitos da vida", engadiu.

Comentarios