Pontón insta a "rectificar" tras a histórica manifestación contra Altri e Rueda reafirma: "Escoitaremos os técnicos"

Pontón arrincou a súa pregunta a Rueda cunha petición ao presidente da Xunta para que "escoite os miles de galegos" que na manifestación defenderon "a vida" fronte ao proxecto de fábrica de celulosa que Altri pretende desenvolver en Palas de Rei.
Ana Pontón e Alfonso Rueda (Álvaro Ballesteros / Europa Press / Xunta da Galiza).
photo_camera Ana Pontón e Alfonso Rueda (Álvaro Ballesteros / Europa Press / Xunta da Galiza).

A sesión de control no Parlamento da Galiza, tras a multitudinaria manifestación do domingo en Palas de Rei (A Ulloa), serviu para certificar a discrepancia entre as posturas do BNG, verbalizada pola súa líder, Ana Pontón, quen instou á Xunta da Galiza a "rectificar", e do presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, que se reafirmou: "Imos escoitar os técnicos, dicir o que digan".

Pontón arrincou a súa pregunta a Rueda cunha petición ao presidente da Xunta para que "escoite os miles de galegos" que na manifestación defenderon "a vida" fronte ao proxecto de fábrica de celulosa que Altri pretende desenvolver en Palas de Rei "unha multinacional portuguesa de ganchete" con Greenalia -onde, lembrou, traballa Beatriz Mato, ex conselleira de Medio Ambiente-.

Nesta liña, engadiu que produce "vergoña allea" e resulta "bochornoso" ver ao mandatario galego exercer "de comercial" dunha firma que busca implantar na Galiza "unha celusosa, unha bomba ambiental, que non queren en Portugal". Pola súa parte, Rueda afeou ao BNG a súa "demagoxia" e "incoherencia".

"O único que cambiou é que pasaron as eleccións", esgrimiu Rueda. Pontón, quen admitiu o apoio inicial do BNG á fábrica de Altri, contrapuxo que o que realmente "cambiou" é que o proxecto se deu a coñecer "o 20 de febreiro", tras os comicios galegos.

Rueda botoulle en cara a "terxiversación de datos" e o "engano" á poboación galega, e foi contundente á hora de reafirmar a súa postura. "Imos escoitar os técnicos", garantiu. A continuación, reprobou que a líder nacionalista "fale de datos físico químicos" coma se fose "unha experta", algo ao que, dixo, el "non se atrevería".

"Mais teño técnicos e confío no que me digan. Quero lanzar unha mensaxe de tranquilidade aos galegos. A Xunta non autorizará nada que non cumpra escrupulosamente todos os criterios", afirmou o presidente do Executivo galego.

Iso si, agregou que a Xunta "tampouco permitirá" que o futuro industrial da Galiza "o intenten decidir como sempre queren, mais nunca conseguen, o BNG e as súas organizacións satélites". Así, sacou a colación o resultado das eleccións galegas do 18 de febreiro, e lembrou que os galegos e as galegas outorgaron a maioría absoluta ao PP.

Comentarios