Eleccións Europeas 9-X

"Obxectivo cumprido" para o BNG, di Pontón: Ana Miranda volve ao Parlamento europeo

"Presentámonos a estas eleccións cun obxectivo claro, ter un escano galego en Europa. Obxectivo cumprido", asegura Ana Pontón.
Ana Miranda valora os resultados electorais após conseguir o escano para o BNG. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ana Miranda valora os resultados electorais após conseguir o escano para o BNG. (Foto: Nós Diario)

A líder do BNG, Ana Pontón, reivindicou este domingo que "o obxectivo cumprido" de lograr que Ana Miranda sexa a primeira eurodeputada do Bloque con escano propio desde hai 25 anos —cando o lograra Camilo Nogueira— confirma que "o ascenso" que a forza nacionalista experimenta "proceso tras proceso" electoral "non ten teito".

"Presentámonos a estas eleccións cun obxectivo claro, ter un escano galego en Europa. Obxectivo cumprido", aseverou Pontón na súa comparecencia ante os medios, pasadas as 23.30 horas, xunto a Ana Miranda, quen, visibelmente emocionada, prometeu ser "a voz da Galiza" e de "as causas xustas" en Bruxelas. Miranda arrancou a súa comparecencia cun explícito “fálalles a eurodeputada da voz galega en Europa”, que recibiu un sentido aplauso da militancia presente na Nave de Vidán, desde onde a formación nacionalista seguiu o escrutinio.

A eurodeputada electa fixo unha emocionada lembranza dos seus pais,  “que hoxe estarían moi orgullosos”,  ademais de saudar a súa filla presente na comparecencia,  ao seu equipo, así como á militancia e á organización, incluída unha referencia expresa á implicación na campaña da portavoz nacional, “é por suposto, a todos os galegos e as galegas que acreditan que somos a voz galega en Europa e das causas xustas”.

“Seremos a voz forte de Galiza e de todas as causas xustas da humanidade e sempre leais ao pobo galego”, recalcou Miranda, quen tamén quixo lembrar ao primeiro eurodeputado do BNG, Camilo Nogueira. “Somos a mellor ferramenta para defender ao pobo galego aquí, en Madrid e en Europa. Somos o BNG e temos escano galego en Europa”, concluíu.A alegría foi a protagonista da noite na Nave de Vidán, en Santiago, lugar habitual onde o BNG organiza o seguimento dos procesos electorais, e que recibiu con berros de xúbilo os resultados que se daban a coñecer apenas un par de minutos despois das 23 horas.

Tras agradecer o apoio dos case 180.000 galegos que optaron polo BNG, que sobe 4,33 puntos a respecto de hai cinco anos, Pontón subliñou que as nacionalistas son "unha forza en ascenso" que "mellora resultados" en cada proceso electoral e que "non ten teito". Un resultado ao que Pontón atribuíu un "mérito especial" porque se logra “nunha campaña que se intentou que fose unha campaña a dous, centralista e bipartidista, deseñada desde Madrid, pero aínda así o BNG segue subindo e demostra que o nacionalismo vai seguir sendo un actor fundamental dentro da política estatal, un elemento esencial, porque hai unha plurinacionalidade que se manifesta en cada proceso electoral e vai seguir xogando a favor de avanzar en dereitos e liberdades”.

Pontón rematou agradecendo o esforzo da militancia, “a mellor do mundo e a que fai grande ao BNG”, recalcou, ademais de agradecer unha vez máis o apoio recibido nas urnas “desde a humildade de seguir aprendendo dos galegos e das galegas, que son a nosa única lealdade, traballar por e para Galiza, esa é a nosa razón de ser”.

"Estas eleccións demostran que hai un BNG á alza, un BNG que traballa xa e traballará para facer posíbel unha Galiza mellor. Ese é o noso compromiso, traballar sempre sempre, por e para Galiza", reiterou, ao tempo que afirmou que "imos estar á altura desa confianza, denunciar os problemas dos e das galegas, deste país en Bruxelas, dando solucións e tamén imos traballar para construír outra Europa posíbel, a das nacións, a dos pobos, a da xustiza social e a da paz. Iso é o que fará a nosa compañeira Ana Miranda desde o primeiro día”.

Comentarios