18-F

Pontón pide un "contrato a catro anos" á fronte da Xunta para construír "unha Galiza en grande"

O BNG presentou as persoas que lideran súas catro candidaturas.
Rodil, Queixas, Pontón, Presas e Bará, esta terza feira en Compostela. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Rodil, Queixas, Pontón, Presas e Bará, esta terza feira en Compostela. (Foto: Nós Diario)

A portavoz nacional do BNG e candidata da formación á Presidencia da Xunta da Galiza, Ana Pontón, fixo esta terza feira un chamamento á mobilización masiva e a concentrar o apoio no BNG para que o vindeiro 18 de febreiro "non se perda ningún voto do cambio", alegou, e "por en marcha un Goberno capaz de dar un futuro mellor aos galegos e ás galegas". 

A candidata nacionalista fixo, ademais, unha petición expresa s de cara á cita coas urnas do vindeiro mes: "Desde a humildade, pídolles ás galegas e aos galegos un contrato de catro anos para construír unha Galiza en grande". "Estou convencida de que o podemos facer mellor e de que podemos devolverlle a esperanza ás galegas e aos galegos", agregou. 

Experiencia solvente

Pontón fixo estas declaracións en Compostela no acto de presentación das cabezas de lista do BNG, catro nomes que definiu como "aval da capacidade que temos para gobernar". Subliñou así a experiencia acumulada por Olalla Rodil (Lugo), Noa Presas (Ourense), Luís Bará (Pontevedra) e Mercedes Queixas (número 2 pola Coruña) nos últimos catro anos cun traballo de oposición "solvente e rigoroso, ofrecendo solucións e unha alternativa por cada crítica feita ás políticas do PP, que deixan unha Galiza peor da que encontrou". 

A candidata destacou ademais que o BNG concorre nao 18-F cunhas candidaturas integradas polos "mellores", mulleres e homes "comprometidos co país e preparados para darlle á Galiza un futuro mellor desde a solvencia e o rigor". 

Comprometeu, neste sentido, o "traballo e o esforzo" das candidatas nacionalistas para "ilusionar e convencer" a esa maioría social que quere abrir un novo tempo" que "está máis perto ca nunca" se o voto do cambio "se mobiliza masivamente nas urnas da man do Bloque Nacionalista Galego". 

Comentarios