Pontón pide o voto para o BNG para construír “a Europa dos pobos”

Ana Pontón e Ana Miranda participaron un acto público en Carballo (comarca de Bergantiños), onde a voceira nacional do BNG reclamou o voto para construír unha Europa dos pobos.

BNG Carballo
photo_camera Evencio Ferrero, Ana Pontón e Ana Miranda no acto do BNG en Carballo. (Foto: Nós Diario).

Ana Pontón cuestionou o modelo da Unión Europea no seu mitin na capital de Bergantiños e solicitou o voto para o BNG nos comicios europeos “para construír unha Europa social, feminista antifascista e pola paz”.

A dirixente do BNG contrapuxo o modelo dos nacionalistas ao dos populares. Neste sentido, referiuse á visita de Ursula Von der Leyen á Galiza, sinalando que “coa súa presenza podemos ver dous modelos de Europa: a Europa do Partido Popular de Feixoo, cada vez máis ultra, disposta a pactar coa extrema dereita tamén en Bruxelas, e a Europa social, dos pobos e da paz que defende o BNG”.

“Militarista, comparsa da OTAN e de Estados Unidos"

A voceira nacionalista caracterizou a Unión Europea defendida polo PP de “militarista, comparsa da OTAN e de Estados Unidos, cómplice da masacre do pobo palestino, e por iso temos hoxe de paracaidista á mesma candidata do PP que foi a Israel a mostrar o seu apoio ao Netanyahu, o xenocida  que está facendo en Gaza o mesmo que os nazis fixeron en Alemaña”.

Pontón apuntou que “o Partido Popular xa anunciou que non ten ningún reparo a pactar coa extrema dereita, tamén en Bruxelas” e “defende ás multinacionais e á banca mentres recorta en pensións, salarios e dereitos laborais”

“Esa non é a nosa Europa”, afirmou a responsábel nacionalista, quen asegurou que “o BNG defende a Europa dos pobos, social, xusta, da igualdade; unha Europa que coloque ás persoas no centro, solidaria, de acollida; unha Europa feminista, que respecte a diversidade. Defendemos unha Europa antifascista, antimilitarista, que non mire para outro lado ante o xenocidio do pobo palestino. Unha Europa da paz”.

Pontón concluí solicitando “aos galegos e ás galegas que este 9 de xuño enchan as urnas de papeletas do BNG, sabendo que o seu voto vai servir para que Galiza conte no Parlamento europeo e, ao mesmo tempo, para construír unha Europa social, feminista antifascista e pola paz”.

“Galiza precisa seguir tendo unha voz propia”

A candidata nacionalista a estes comicios, Ana Miranda, defendeu que “Galiza precisa seguir tendo unha voz propia para que tanto os seus problemas como os do resto da humanidade cheguen ás instancias europeas, igual que fixemos até agora”.     

Miranda asegurou que “só cunha voz forte en Europa seremos quen de impulsar políticas pensadas para pór o noso país a producir e pido á cidadanía que colla a papeleta do BNG o 9 de xuño, a única 100% galega sen máis obediencia que a defensa dos intereses dos galegos e das galegas”.

Comentarios