Ana Pontón pide o voto de todas as persoas que xa confiaron no BNG noutras eleccións por unha Galiza con voz propia na Unión Europea

Ana Miranda comprométese a dar a cara por Vigo e anuncia que reclamará máis fondos europeos para a comarca como territorio dependente da automoción.
Ana Pontón e Ana Miranda, no centro, no acto en Vigo (Foto: Nós Diario).
photo_camera Ana Pontón e Ana Miranda, no centro, no acto en Vigo (Foto: Nós Diario).

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, fixo un chamamento aos galegos e ás galegas a ser protagonistas dunha gran mobilización este domingo para encher as urnas de votos ao BNG e conseguir que “a Galiza teña no Parlamento Europeo unha voz propia, libre e inconformista que defenda os seus intereses e, ao mesmo tempo, traballe para construír unha Europa da paz e non da guerra”.

Pediu así que ningún voto “nacionalista, galeguista e inconformista quede o domingo na casa” para sumar apoios en torno ao BNG e para que “Ana Miranda volva ser en Europa o mellor aval para que a Galiza conte en Bruxelas”.

“A todos os galegos e galegas que xa teñen confiado en nós noutras eleccións, pídolles que volvan unir o seu voto na papeleta do BNG, porque somos o voto da esperanza, o que dá a cara pola Galiza e defende unha Europa mellor”, proclamou no mitin de Vigo.

Pontón arrancou a súa intervención convidando á xente do país a rebelarse nas urnas este 9-X contra a política “triste e crispada” das forzas estatais, que buscan a desmobilización da cidadanía nun intento de “despistarnos coas súas liortas madrileñas” para non falar dos problemas reais da xente nin explicar “por que defenden en Europa unha PAC e unha política pesqueira que discrimina aos nosos gandeiros e gandeiras e a nosa frota, por que patrocinan o espolio eólico para beneficiar ao lobby eléctrico ou por que levan anos boicoteando unha AP-9 galega e libre de peaxes”, argumentou.

“Demostremos que cando nos propomos algo somos imparábeis”, animou tras subliñar o “poder de decidir e de pelexar polas nosas vidas” que outorga o voto a toda a cidadanía. Por iso, proseguiu, é importante unir na papeleta do BNG o voto de quen quere unha voz firme en Bruxelas “para defender a Galiza, á xente que traballa no mar, á que produce alimentos, aos traballadores e traballadoras da industria e das nosas Pemes ou a quen non quere Altri e defende un modelo que coide ao medio ambiente”.

“O voto ao BNG é o das mulleres que non imos permitir nin só paso atrás, é o voto da mocidade que non quere elixir entre emigración ou precariedade, o das persoas que queremos paz e non calamos ante o xenocidio de Palestina”, engadiu.

A líder nacionalista asegurou que o BNG é “o equipo da casa” que se presenta a estas eleccións co aval do traballo feito para xogar en Europa fronte a un bipartidismo que discrimina á Galiza coas súas decisións nas institucións comunitarias.

A papeleta que encabeza Ana Miranda, proseguiu, “é a do voto útil para traballar pola xente e para facerlle fronte dende Galiza e desde Bruxelas a un PP que mira cara a Madrid e que cada día é máis centralista e ultra, cun Rueda á cabeza que ten depositada a súa lealdade na rúa Xénova, no lobby eléctrico e nas empresas amigas”.

Referiuse así ao apoio do PP aos plans de Altri para instalar unha macro factoría contaminante en Palas de Rei (A Ulloa). “Que vergoña ver ao presidente de Galiza facendo de comercial dunha multinacional para colocarnos unha megacelulosa contaminante, e por riba subvencionada con 250 millóns de euros”, criticou, para subliñar que o domingo “a única papeleta que di Altri non é a do BNG”.

Pontón salientou o compromiso do escano do país que é o do BNG, na defensa da Europa dos pobos, “que contribúa a un mundo máis decente, solidario e xusto, unha UE que non funcione como comparsa dos Estados Unidos e da OTAN alentando a guerra e que deixe atrás o vergoñento papel ante o exterminio do pobo palestino”. “Basta de mirar para outro lado ante este xenocidio!”, exclamou.

“A Europa que defende o BNG é a que avanza en dereitos e reforza os servizos públicos, non a que incrementa de maneira obscena o gasto militar”, engadiu Pontón. “Que ninguén se leve a enganos, cada euro máis en tanques, mísiles e balas é un euro menos en pensións, sanidade e educación. Menos Europa da guerra e máis Europa social!”, concluíu.

O escano do país, o escano de Vigo

A cabeza de cartel do BNG, Ana Miranda, pola súa parte, fixo unha chamada aos vigueses e ás viguesas a acudir o domingo aos colexios electorais, igual que fixeron nas eleccións galegas, coa papeleta do BNG na man como “garantía de compromiso na defensa dos intereses da Galiza e dos intereses de Vigo”.

O escano do país, asegurou, “será o que loite en Europa contra o declive que vive o sector da automoción por culpa do abandono do PP, e para iso dará a batalla para que Vigo conte con máis fondos europeos como territorio altamente dependente desta industria, como xa fixo para blindar o futuro de Stellantis ou reclamando a instalación dunha fábrica de baterías”.

“Queremos vivir na nosa terra, porque non queremos emigrar, porque queremos ter unhas condicións de vida dignas e porque non queremos ver como a nosa mocidade, o noso mellor talento, ten que marchar ante a pasividade do Goberno galego”, asegurou Miranda.

Referíndose ao traballo feito xa en Bruxelas, afirmou que o BNG “foi a voz que deu a cara para incluír Galiza no Corredor Atlántico, e denunciou as responsabilidades de PP e PSOE na exclusión de Vigo”.

“Tamén é a voz do Bloque, que é a de todos os galegos e galegas, a que defende aquí e en Europa o rescate da AP-9, para ter unha autoestrada libre de peaxes”, engadiu, responsabilizando ao PP de que as persoas usuarias teñan aínda que pagar. “Nunha man o PP prorroga a autopista e noutra a Comisión Europea investiga a ampliación da prórroga”, lembrou.

Miranda avanzou que, tras conseguir o dragado da ría do Burgo, a rexeneración do resto das rías galegas, incluída a de Vigo, será unha das prioridades do “equipo da casa” en Europa, igual que a defensa dos sectores produtivos e, en xeral, de todas as persoas afectadas polos recortes do PP.

“Nós defendemos á xente que traballa, á que non chega a fin de mes, ás persoas desafiuzadas, ás que non reciben atención médica, á mocidade que quere vivir dignamente e non pode”, exemplificou Miranda, que contrapuxo o traballo en favor da xente do BNG ao dos “partidos das liortas madrileñas, que se presentan a estas europeas como un duelo de ‘señoros’ en lugar de coidar do pobo”. “Nós só nos debemos ao noso pobo en en Europa non calamos”, concluíu.

Comentarios