O PP tomba as emendas de devolución dos orzamentos presentadas pola oposición

O Partido Popular defende unhas contas que afirma que van “consolidar a recuperación” económica de Galiza. En Marea, PSdeG e BNG repróchanlle queos orzamentos non se adecúan á realidade do país nin dan resposta ás principais necesidades e preocupacións da sociedade galega. 

Parlamento da Galiza
photo_camera Parlamento de Galicia

O PP fixo valer a súa maioría na Cámara e tombou as emendas de devolución dos Orzamentos 2018 presentados pola oposición. Así pois, e segundo o calendario, seguirase o calendario que ten o 19 de decembro como a data de aprobación definitiva dos orzamentos das Xunta para o vindeiro ano.

O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, avanzou que estes son os orzamentos para “consolidar a recuperación” e indicou que Galiza medr máis que o Estado español e a eurozona, indicando que en 2018 o crecemento do PIB será de 2,5%. O conselleiro sinalou que os orzamentos establecen un gasto de 9.487 millóns de euros, o que supón esgotar o teito de gasto. Os orzamentos do vindeiro ano conforman os terceiros presupostos expansivos consecutivos, insisten desde o PP, incidindo que é o orzamento máis alto dende o ano 2010.

En Marea: unhas contas que consolidan os recortes

O portavoz de En Marea Luís Villares defendeu a emenda á totalidade e a petición devolución dos Orzamentos porque, entre outros motivos, consolidan os recortes e o empeoramento das condicións de vida e de traballo a pesar de que o PIB recuperou os valores previos á recesión. Reclamoulle á Xunta un incremento do gasto público en 500 millóns de euros para recuperar servizos e os dereitos laborais perdidos.

“Nos últimos doce meses, coa economía medrando por riba de 3%, o emprego en Galiza só aumentou en 14.500 persoas, unha cifra equivalente a 1.4%, fronte a 2,8% da media do Estado”, lembrou Villares. “Con este dato e as previsións da Xunta para 2018 parece imposible que cumpra cos compromisos de xerar 100 mil empregos nesta lexislatura”.

PSdeG: PP non cre no autogoberno

De por parte, o portavoz parlamentar do PSdeG, Xaquín Fernández Leiceaga, denunciou que as contas deseñadas para o 2018 non dan resposta a problemas como “a pobreza, a desigualdade e a tensión económica". Para o socialista, o goberno galego renuncia a unha “política de ingresos equitativa e eficiente". 

Leiceaga  incidiu na "dependencia" da economía galega dos mercados externos. "E se todo depende dos outros, de que serve o autogoberno en materia económica? A nosa idea é que si que serve, pero son as opcións conservadoras escollidas polo Goberno de Alberto Núñez Feijóo as que explican esa incapacidade", dixo.

BNG: Orzamentos sen proxecto de país

O BNG defendeu unha emenda de totalidade ao proxecto de orzamentos de 2018 da Xunta porque están “instalados nunha rutina decadente”, afirmou a portavoz nacional, Ana Pontón. Son unhas contas “fillas dunha concepción neoliberal e depredadora de Galiza”, repiten as propostas fracasadas que trouxeron precariedade, desigualdade e sufrimento, e parten dunha diagnose  errada e autocompracente que pregoa a recuperación económica pese a que a metade dos e das galegas non chegan a fin de mes.

Para Pontón, os orzamentos deixan claro que “non hai proxecto de país” e que Feijóo actúa como como “alumno aplicado do centralismo de Rajoy e dos recortes de Montoro”. Na súa análise das constas de 2018 Pontón incluíu as críticas pola baixa execución das contas aínda en vigor, en moitas partidas importantes mesmo por debaixo de 35%. “En lugar de converter os presupostos nun motor económico, teñen case todo por executar”, concluíu, denunciando tamén os recortes en emprego público en servizos públicos básicos como sanidade ou educación.

O BNG reclamou a devolución duns orzamentos que ignoran a prioridade social de crear emprego, recortar as desigualdades e reverter os recortes en servizos públicos.

Comentarios