Crónica

O PP veta que o Parlamento galego investigue os contratos da Xunta na Covid

O PP rexeitou esta terza feira por segunda vez nesta lexislatura —que este sábado fai dous meses— que se investigue a contratación do Goberno galego durante a Covid. A solicitude do BNG dunha comisión de investigación parlamentaria sobre a contratación na pandemia si foi apoiada polo PSdeG e DO mais foi insuficiente.
Pleno parlamento galego
photo_camera Pleno do Parlamento galego. (Foto: Parlamento da Galiza)

Sen sorpresas. A petición do BNG de que o Parlamento galego crease unha comisión de investigación sobre a contratación da Xunta da Galiza na pandemia da Covid foi dar esta terza feira ao mesmo lugar onde hai 3 semanas acabara a solicitude, tamén nacionalista, de que unha auditoría externa analizase a contratación do Goberno galego durante ese mesmo período: ao caixón de desbotados. Dúas negativas en menos de dous meses que leva transcorrida esta duodécima lexislatura. Para o portavoz do PP no Parlamento galego, Alberto Pazos Couñago, porén, "este é o Goberno galego máis transparente da historia deste país". Así o dixo esta terza no debate sobre solicitude de comisión de investigación defendida polo BNG.

Para Iago Tabarés, defensor da proposta do BNG, a comisión de investigación está máis que xustificada após se coñecer as conclusións do Consello de Conta sobre os contratos por vía de emerxencia na pandemia que fiscalizou. Fiscalización, incidiu Tabarés, que non abrangue nin todo o período nin todos os departamentos, polo que se fai preciso coñecer polo miúdo como foi aquel proceso. E no que Contas puido fiscalizar, proseguiu, detectáronse diversas eivas e deficiencias. Ao que engadiu o feito que "segundo consta no informe do propio Consello, 49% de todo o volume adxudicado no 2020 concéntrase unicamente en 11 empresas. Acumulación aínda maior en 2022 no que tan só 4 empresas acapararon 66% do adxudicado pola Xunta".

 Dentro desta acumulación de adxudicacións no informe "constátase como a principal beneficiaria durante o período analizado é unha mercantil sen experiencia no sector sanitario, sen actividade anterior coa Xunta e ... con persoal directivo estreitamente relacionado con Núñez Feixoo", en referencia ao cuñado do ex presidente.

Ademais, outra das "grandes beneficiarias da adxudicación de contratos pola Xunta pola vía de emerxencia foi unha empresa, tamén sen relación previa coa Xunta de Galiza, para a que, segundo numerosas informacións, actuaría como intermediaria" a parella da presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso. Para o nacionalista, hai motivos máis que abondo para "saber, para investigar, para controlar" o que aconteceu en contratación naquel período e cumprir así "co que é a misión dun Parlamento".

A solicitude do BNG contou co apoio do PSdeG e Democracia Ourensá. O portavoz desta, Armado Oxea, limitouse a comunicar o seu apoio á iniciativa recorrendo á expresión "luz e taquígrafos" mais, iso si, "non tanto con afán fiscalizador" do feito como para "aprender" de posíbeis erros cara ao futuro.

Patricia Igrexas, do PSdeG, afirmou que os contratos da Xunta durante a pandemia "non foron transparentes" e "non seguiron as exixencias da Lei de Contratación", aseverando mesmo que a Galiza "está á cola de transparencia na contratación por vía de emerxencia".A deputada socialista apuntou directamente ao presidente Alfonso Rueda, ao que apelou a "non cuestionar a creación desta comisión" e pediu que "ese sentidiño do que tanto falan no PP" non debería servir para "xustificar" o posicionamento contrario a que se investiguen eses contratos. "Isto vai de orballo galego, que parece que non acaba de calar neste Goberno, que non se pon a disposición da cidadanía", concluíu.

Para Pazos Couñago a proposta era, unha vez máis, unha manobra do nacionalismo e da oposición no seu conxunto para "enlamar" e para "manipular".Negou que o Consello de Contas detectase deficiencias e irregularidades na contratación —"son recomendacións", dixo— e instou BNG, PSdeG e DO a que, "se coñecen algunha ilegalidade, vaian á Fiscalía".

Un Couñago que se mostrou "orgulloso" da xestión do Goberno galego e que  pediu o BNG que se tanto "interese" ten nunha comisión de investigación "active o mecanismo regulamentario opara crear unha", pois co número de deputados e deputadas que posúe na Cámara pode facelo. Respondeulle Tabarés que esa vía só permite "unha única bala" —en referencia a que só pode activar a través dela unha única comisión de investigación en toda a lexislatura— e que aínda fica mandato por diante con situacións que requiran recorrer a ela.

"O que pedimos é, simplemente, que se aclaren as dúbidas", insistiu Tabarés na súa réplica para intentar convencer os populares de apoiar a proposta. Mais non houbo sorpresas.


Millóns de euros dados sen publicidade nin concorrencia

A pandemia da Covid requeriu de decisións urxentes para as que se activou o procedemento de emerxencia para poder así contratar material por esa vía de menores prazos e requisitos. "Mais a emerxencia non permite a arbitrariedade", aclarou esta terza feira o deputado do BNG Iago Tabarés na súa intervención. No informe do Consello de Contas figura Mape Asesores S.A., a compañía máis beneficiada polos contratos de emerxencia da Xunta durante o ano 2020. A través de 16 adxudicacións sen concorrencia pública, obtivo un montante total que supera os 10 millóns de euros.

Mape, con sede na Galiza, é, precisamente, unha das sociedades que saíron a colación a raíz da investigación da Fiscalía pola que se acusa de fraude fiscal a González Amador, a parellla de Díaz Ayuso. Mape obtivo case un de cada dez euros dos adxudicados perante contratos de emerxencia polo Goberno galego entre os anos 2020 e 2021 e, de feito, só é superada por Universal Support.  Esta, Universal Support, ten o seu enderezo na Coruña mais pertence ao Grupo Konecta, do que era directivo Ignacio Cárdenas Botas, irmán de Eva Cárdenas, a parella do daquela presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo.

Comentarios