18-F

O PSOE afirma que "todo segue igual" tras os malos resultados de Gómez Besteiro

O PP ve Pedro Sánchez debilitado após os comicios galegos.
O presidente do Estado español, Pedro Sánchez, esta segunda feira (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera O presidente do Estado español, Pedro Sánchez, esta segunda feira (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

A 'desfeita' electoral do PSdeG e o 'nulo' resultado de Sumar nos comicios galegos puxo no albo do debate a consistencia do Executivo español de coalición e a posibilidade de que o presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, opte nun futuro próximo por unha disolución das Cortes para convocar eleccións. Porén, a portavoz socialista, Esther Peña, considerou esta segunda feira que "todo segue igual". O PSOE "gaña" na Galiza cando hai eleccións estatais e municipais mentres que nas galegas faino o PP, sinalou.

"Non parece que se teñan movido moitas pezas no escenario electoral", afirmou Peña, que defendeu que o líder estatal do PP, Alberto Núñez Feixoo, non sae reforzado destes comicios. A socialista dixo que "a amnistía non foi un factor que definira os resultados electorais, nin para o PSOE nin tampouco para o PP". Neste sentido, destacou que o transvasamento de votos foi do PSdeG ao BNG, "un partido que apoia claramente a amnistía". Por tanto, considerou, esta argumentación "ten algunha fisura".

Mentres tanto, 0 ministro español de Transportes e Mobilidade Sostíbel, Óscar Puente, lamentou o resultado do PSdeG: "Está lonxe das expectativas e do que sería desexábel". O socialista afondou no argumento de Peña para desmentir que a amnistía afectara o PSdeG, sinalando que "é un problema máis de fondo" e chamando a revisar a implantación territorial da formación.

Pola súa parte, o president da Generalitat de Catalunya, Pere Aragonès (ERC), parabenizou o BNG polo seu medre e rexeitou que os resultados das eleccións galegas poidan condicionar a lei de amnistía, sobre a que dixo que "é tan importante que está por encima de calquera evento político". Unha liña argumental que tamén defenderon desde Junts. O seu portavoz, Josep Rius, explicou que "facer extrapolacións é sempre delicado". "O PSOE perdeu votos na Galiza en favor dunha formación soberanista e que defendeu a amnistía", dixo.

Mentres, a secretaria xeral do PP, Cuca Gamarra, asegurou que o resultado do PSdeG é a "demostración de que a súa política [a do PSOE] conta co rexeitamento da sociedade española". Porén, o PSOE, a pesar do desembarco de figuras estatais durante a campaña, insistiu en que se votou "en chave galega". 

Unha resposta similar á do portavoz estatal de Sumar, Ernest Urtasun, que afirmou que "o resultado galego é un resultado propiamente galego". Ademais, non ocultou a "responsabilidade" da formación nunha "mala noite" electoral. Con todo, e a pesar de ser Yolanda Díaz, a líder estatal de Sumar, da Galiza, Urtasun acoutou a derrota nas votacións ao ámbito galego.

Neste sentido, a líder BNG, Ana Pontón, argumentou que as eleccións "non ían nin de Madrid nin de Sánchez nin de Feixoo". Precisamente ao "grande avance" da nacionalista referiuse o candidato a lehendakari do PNV, Imanol Pradales, que considerou que tanto o PP como o PSOE saen "debilitados" destes comicios.

Mentres tanto, o coordinador xeral de EH Bildu, Arnaldo Otegi, sinalou que o BNG é "a forza de futuro na Galiza" e é a formación política coa que "haberá que contar tamén para facer o debate territorial" no contexto dun Estado "plurinacional".

Comentarios