Eis os primeiros detalles sobre a nova Lei de representación paritaria

O Goberno español aprobará na vindeira terza feira unha lei que obrigará a paridade nos centros de decisión.
Consello de Ministros despois da toma de posesión, onte, do novo Executivo estatal. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera Consello de Ministros no exterior do palacio presidencial. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, anunciou este sábado que no próximo Consello de Ministros e Ministras aprobarase un proxecto de Lei para a representación paritaria nos centros de decisión que obrigará a cumprir con esta cota para a formación do propio Executivo estatal.

Durante a súa intervención no acto que celebrou o PSOE polo Día Internacional da Muller -a poucos días da conmemoración do 8-M-, Sánchez sinalou que "se a muller representa a metade da sociedade, o poder político e o poder económico teñen que ser tamén das mulleres".

O líder socialista explicou que esta norma incluirá a obrigatoriedade das chamadas 'listas cremalleira' na lei electoral, a paridade no Consello de Ministros e Ministras, nos consellos de administración das grandes empresas, nas xuntas de goberno dos colexios profesionais e nos xurados de recoñecemento público ás personalidades.

Desta forma, calquera empresa, sexa pública ou privada, que presente un total de persoas traballadoras superior a 250, e que exceda os 50 millóns de euros de volume de negocio, deberá contar con 40% de mulleres na súa directiva, segundo recolle a lei.

“Un paso máis en materia de igualdade”

O presidente do Goberno español sinalou que "haberá xente á que lle pareza grave" a aprobación deste proxecto de lei e á que, "mesmo lle parecerá absolutamente desproporcionado". "Pero a nós parécenos simple e sinxelamente de xustiza", declarou. Coa composición actual do Consello de Ministros e Ministras, as mulleres (14) superan en número os homes (9).

Para Sánchez, esta medida supón "un paso máis" para situar o Estado español "á vangarda do conxunto de Europa" en materia de igualdade e sinalou que esta iniciativa non só se fai "en favor do feminismo", senón do "conxunto de toda a sociedade".

E é que, sinalou, segundo o Fondo Monetario Internacional (FMI), unha institución que, ao seu xuízo, "non é sospeitosa de ser progresista", indicou que se o conxunto da poboación feminina participase no desenvolvemento económico do país "subiría entre 15% e 20% máis", o que é "un beneficio para o conxunto da sociedade".

Comentarios