O até o de agora vicepresidente primeiro do Goberno galego, Francisco Conde, non será o único que abandone a Xunta da Galiza para ir nas listas de Alberto Núñez Feixoo ao Congreso. Tamén sairá do Executivo de Alfonso Rueda a conselleira do Mar, Rosa Quintana, a única integrante do Consello da Xunta que, canda o propio presidente, formaba parte do mesmo desde que o PP accedeu á Xunta en 2009.
O Executivo galego vén de facer pública a remodelación que ratifica o ascenso do coruñés Diego Calvo á primeira vicepresidencia e que sitúa a até o momento titular de Emprego, María Jesús Lorenzana, como herdeira das competencias económicas e industriais que tiña Conde. Aliás, a titular de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, convértese en vicepresidenta segunda.
A remodelación de Rueda inclúe dúas fichaxes: un home da súa plena confianza, o lucense Alfonso Villares, até o de agora alcalde de Cervo, que se fará cargo de Mar, e Elena Rivo, vicerreitora do campus de Ourense da Universidade de Vigo, como conselleira de Promoción de Emprego e Igualdade.
CRÓNICA: Alfonso Rueda anuncia cinco movementos na Xunta provocados por Feixoo