Rajoy basea o seu discurso na inexistencia de alternativa e na defensa da unidade do Estado

Rajoy sabe que non ten ningunha opción nesta sesión de investidura e por iso pon as luces largas, talvez pensando nas terceiras eleccións. O seu discurso esta terza feira foi basicamente o de que "España necesita un goberno" e que non hai alternativa distinta á súa.

Rajoy
photo_camera Rajoy

"Para existir oposición ten de haber goberno", afirmou Rajoy durante o seu discurso, unha frase claramente dirixida a un Pedro Sánchez que ten declarado que o veredito do eleitorado o pasado 26 de xuño foi que o PSOE liderase a oposición e non o goberno.

O líder do PP instou, pois, o PSOE a que viabilice a formación do goberno, mais no seu discurso non fixo nen unha soa chiscadela ás bancadas socialdemócratas. Ningunha referencia, por exemplo, a unha eventual disposición a negociar a revisión da reforma laboral ou da chamada lei mordaza.

O discurso de Rajoy resúmese tamén no tempo que destinou a falar de dous temas chave na política española dos últimos anos: a corrupción e a emerxencia en Catalunya dun bloco socio-político a prol da independencia con maioría no Parlament. Ao primeiro dedicoulle dous exiguos minutos, sen sombra de autocrítica, ao segundo, once. Na cuestión nacional viuse o Rajoy máis aceso, a rachar o ton monocorde do resto do discurso. Rajoy invocou a Constitución española de 1812 -a primeira en que se delega a soberanía no pobo español, face o monarca- e pareceu petrificado en solucións decimonónicas. Non se ve como desde ese recanto do ring o púxil conservador pode vir a obter apoios das bancadas do PNV e, aínda moito menos, das da antiga Convergència.

Rajoy invocou a Constitución española de 1802 -a primeira en que se delega a soberanía no pobo español, face o monarca- e pareceu petrificado en solucións decimonónicas

Á conclusión do discurso, o diagnóstico da maioría das e dos analistas políticos converxía nun ponto: Rajoy púxolle aínda máis doado a Sánchez argumentar o seu voto contrario á investidura porque o líder do PP non gastou nin un minuto da súa intervención en tentar seducir ou conquistar os 85 escanos do PSOE, sen os cais é materialmente imposíbel que poda permanecer catro anos máis na Moncloa.

Rajoy axiu como se dese por suposto a convocatoria das terceiras eleccións. O seu discurso é inaceitábel para as forzas soberanistas: non se pode contentar á vez a Cs, a PNV e ao Partit Demòcrata Català.

A pelota continúa, pois, no tellado do PSOE de Sánchez, a forza que decidirá se hai terceiras eleccións ou se explora unha maioría alternativa que forzosamente tería de pasar por un acordo co partido, Podemos, que na pasada lexislatura optou por forzar os segundos comicios ao non parecerlle satisfactorio o acordo acadado polos socialistas co partido de Rivera.

O discurso de Rajoy contiña un desafío a Sánchez, o de que esclareza se existe ou non unha alternativa politicamente viábel, coa actual correlación de forzas no Congreso, aos 170 escanos que neste momento apoiarían a continuidade do PP ao fronte do executivo.

Comentarios