Rede Localis pide poder de decisión para os Concellos sobre os Next Generation

Os Concellos galegos deben de ter maior autonomía política e financeira, deixando de ser os municipios "convidados de pedra" doutras Administracións en temas e cuestións que afectan a veciñanza.  Esta é unha das conclusións do estudo presentado onte por Rede Localis, un foro de reflexión sobre o municipalismo no que participan persoas expertas das universidades galegas. 
EuropaPress_5028118_profesores_maria_cadaval_alberto_vaquero_concepcion_campos_red_localis
photo_camera María Cadaval, Alberto Vaquero e Concepción Campos onte na presentación do informe.(Foto: Nós Diario)

"Houbo unha descentralización que chegou ás comunidades autónomas mais aínda non ás entidades locais", explica a Nós Diario  a profesora de Economía na Universidade de Santiago de Compostela María Cadaval e coordinadora do informe elaborado pola Rede Localis e presentado onte en Compostela.

A Rede Localis engloba expertos eexpertas universitarias sobre financiamento e xestión municipa. O seu informe aposta por outorgar as administracións locais máis autonomía política e de disposición dos seus recursos económicos a través dunha nova lei.

Gobernanza multinivel: a normativa reguladora da administración local desde unha perspectiva autonómica  aposta precisamente por unha reforma do campo normativo autonómico que permitiría que as entidades locais deixen de ser “convidados de pedra”.

Alberto Vaquero, codirector da Rede Localis, e Concepción Campos Acuña, da Universidade de Vigo, acompañaron a Cadaval na presentación do estudo de 331 páxinas e dispoñíbel 'online', que parte da Cátedra de Bo Goberno Local entre a Xunta e a UVigo e xestouse durante un congreso celebrado en setembro de 2022.

Next Generation

Cadaval sinala a Nós Diario que "cómpre" fixar dun "modo estábel" un financiamento para as entidades locais. Considera que o papel dos concellos en aspectos determinantes para a cidadanía, como os fondos Next Generation, "non debe limitarse a ser meros executores, deben de ter poder de decisión".

A profesora Concepción Campos enmarcou este informe como unha achega aos traballos previos á nova lei de administración local que prepara o Goberno galego, dado que a actualmente en vigor é de 1997. Neste contexto, indicou que os Concellos e Deputacións contan cunha autonomía "limitada" porque son as comunidades autónomas e o Estado os que se encargan de fixar o seu marco regulador.

Tres bloques

Neste traballo participaron varios investigadores e investigadoras universitarias e profesionais e divídese en tres bloques. O primeiro deles é unha aproximación ao marco autonómico e ás competencias municipais para incidir na necesidade desa maior autonomía e transparencia.

No segundo bloque, o informe fala sobre as transicións ecolóxicas pendentes e a innovación no ámbito local, campos nos que xoga un papel importante os fondos 'Next Generation' que chegan desde a Unión Europea e os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentábel da Axenda 2030.

Cadaval reitera a necesidade de que a xestión das contías europeas estea "nun plano máis próximo á cidadanía". En concreto, menciona o caso de Portugal, "onde xogan un papel importante unhas axencias municipais de promoción de investimentos".

O terceiro bloque do estudo céntrase na necesidade de contar cunha xestión sustentábel e eficiente, especialmente coa implantación de novas tecnoloxías para a atención cidadá e a recadación de tributos. Neste contexto, os autores apuntan cara a unha "reconfiguración das dificultades" das entidades locais a través de consorcios, mancomunidades e fusións de municipios, unha medida que —tal e como recoñece o informe— non tivo "o éxito esperado", posibelmente polas "importantes esixencias" destas agregacións "fronte a outras alternativas" asociativas e cooperativas.

Importancia

Cadaval lembra que é a propia constitución española a que marca que tributos son obrigatorios e as comunidades autónomas "pouco teñen que dicir"a ste respecto, aínda que si en como as entidades locais poden participar nos seus ingresos.

Comentarios