A "revisión" do financiamento do SAF, principal acordo da reunión entre Xunta e Fegamp

Tamén sobre financiamento, aínda que de forma máis xeral, o presidente da Fegamp trasladou a Rueda que os concellos galegos, especialmente os máis pequenos, están "moi afogados".
Os presidentes da Fegamp e a Xunta, Alberto Varela e Alfonso Rueda, esta segunda feira. (Foto: Europa Press)
photo_camera Os presidentes da Fegamp e a Xunta, Alberto Varela e Alfonso Rueda, esta segunda feira. (Foto: Europa Press)

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, mantivo esta segunda feira unha reunión co titular da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, na que o principal acordo foi o de "revisar" o financiamento dos concellos, en xeral, e do Servizo de Axuda non Fogar (SAF) en particular, ao longo do actual mandato. Este é un dos compromisos alcanzados no primeiro encontro de Rueda con dirixentes das administracións locais desde a súa reelección como dirixente do país. Os seguintes serán cos presidentes do catro deputacións e os alcaldes de Vigo e Lugo, Abel Caballero e Paula Alvarellos.

Tras a reunión, decorrida en Compostela, compareceron por separado para explicar os asuntos abordados o máximo mandatario da Fegamp, que tamén é alcalde de Vilagarcía de Arousa, e o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, en representación da Xunta. Ambos os dous coincidiron en que a conversa foi "frutífera".

Alberto Varela trasladou que os concellos están "especialmente preocupados polo esforzo" que teñen que facer en materia de servizos sociais e dependencia. E en concreto referiuse ao SAF, unha prestación pola cal os municipios reciben tanto da Xunta como do Estado uns 12 euros por hora. Con todo, de acordo coas cifras que ofreceu, a media dos concellos galegos sitúase entre os 20 e os 21 euros por hora, aínda que hai algúns que pagan "até 24 euros". "Esa diferenza poñémola as administracións locais", lamentou o presidente da Fegamp, para aseverar que, se non se produce unha "suba importante" dos fondos, o SAF "non ten futuro".

Pola súa parte, o conselleiro confirmou o inicio dese "proceso de revisión" do Servizo de Axuda non Fogar, aínda que, lembrou, é algo que "xa se fixo" en 2021. A pesar de que "a competencia non é da Xunta", comprométese a "seguir axudando aos concellos". No entanto, Diego Calvo reiterou o malestar da Administración galega polo feito de asumir con fondos propios "60%" deste servizo cando, segundo a lei estatal de dependencia, o Goberno español debería achegar a metade. Segundo dixo, a débeda por este motivo ascende a 200 millóns. A pesar dese compromiso de "revisión" ao longo do actual mandato, o conselleiro reivindicou que no presente 2024 a Xunta fai unha "achega histórica" de 130 millóns de euros.

Os concellos, "moi afogados"

Tamén sobre financiamento, aínda que de forma máis xeral, o presidente da Fegamp trasladou a Rueda que os concellos galegos, especialmente os máis pequenos, están "moi afogados". Por iso, demandou á Xunta un "maior esforzo" a través do Fondo de Cooperación Local —este ano conta con 152 millóns—, que as contías a repartir sexan "incondicionadas" e que os 313 municipios reciban diñeiro "por igual".

Diso serviuse para reclamar unha nova lei autonómica de facendas locais. O Goberno galego mostrouse aberto a debater o modelo financeiro dos municipios porque, en palabras de Calvo, están "de acordo" en que non é "axeitado ao momento". Con todo, o conselleiro condicionouno a que sexa un debate que se libre "á vez" que o do financiamento autonómico, é dicir, de forma conxunta co Estado.

Debate sobre competencias

Todo o asunto orzamentario entronca con outro dos puntos abordados nesta reunión a dúas bandas: as competencias de cada administración. Hai máis dun ano constituíuse unha comisión técnica para definir dunha maneira máis clara as atribucións que corresponden a cada nivel, despois de que tanto Xunta como Fegamp presentasen dous estudos diferentes sobre esta materia.

Con todo, as eleccións municipais de maio de 2023 —coa consecuente renovación da Federación Galega de Municipios e Provincias, aínda que a seguiu presidindo Alberto Varela— e as eleccións galegas de febreiro de 2024 paralizaron estes traballos. Agora, con ambos os órganos a pleno rendemento, retomarase este debate porque, tal e como recoñeceu Calvo, "hai competencias que exercen os concellos que non son dos concellos" e hai outras "que exerce a Xunta que non son da Xunta".

Así, "o primeiro paso será porse de acordo" en cales son esas atribucións sobre as que hai discordancia e "evitar que se sigan reproducindo", para despois poder "iniciar ese proceso de revisión" e delimitalas. Outro compromiso alcanzado na reunión desta segunda feira foi que o Goberno galego, a través do Servizo Galego de Saúde (Sergas), continúe co proceso de absorción das unidades asistenciais de drogodependencia (UAD), que xa se iniciou. O presidente da Fegamp advertiu que "non se están cumprindo os calendarios" que se marcaron.

Vilagarcía

Noutra orde de asuntos, o tamén alcalde de Vilagarcía aproveitou esta reunión para trasladarlle a Rueda algúns asuntos e necesidades do seu municipio. A principal foi a construción do novo centro de saúde. Varela queixouse pola "demora" na contratación da obra e o presidente da Xunta, de acordo cun comunicado do Concello, informou de que a licitación poderá facerse "este mesmo mes de xuño".

No tocante a infraestruturas, o rexedor vilagarcián demandou un impulso á ampliación do polígono industrial de Pousadoiro e á estación intermodal, lembrando que o Goberno galego "paralizou o proxecto". Alberto Varela tamén apuntou á apertura da fachada marítima, a ampliación da depuradora de Ferrazo e a construción dun cuarto xulgado, entre outros.

Comentarios