O rexedor de Sanxenxo rompe o tripartito con PSOE e BNG para ceder a alcaldía ao PP

Asinou un pacto cos populares onde renuncia o cargo pero continúa como número dos do goberno na localidade pontevedresa. Socialistas e nacionalistas cualifican o feito de “traizón” e “incoherencia”.

Telmo Martín e Gonzalo Pita fan público o acordo (Imaxe: Pontevedra Viva)
photo_camera Telmo Martín e Gonzalo Pita fan público o acordo (Imaxe: Pontevedra Viva)

Gonzalo Pita conseguira romper a hexemonía do PP en Sanxenxo tras 16 anos consecutivos de gobernos populares. Pero só dous anos despois, o mesmo Pita vén de devolver a alcaldía do municipio pontevedrés a Telmo Martín, até o momento líder da oposición. O rexedor rompe así o acordo de goberno tripartito con PSOE e BNG, aínda que mantén a súa acta na corporación como tenente de alcalde.

Pita, da formación Sanxenxo Agrupación Liberal (SAL), unha escisión nada do propio PP, acusou a socialistas e nacionalistas de deslealdade, en particular pola reforma dunha céntrica rúa e relacionada con vinte prazas de aparcadoiro. Un argumento que rexeitan os que foran os seus socios, cuestionando as motivacións do pacto cos populares.

Os portavoces dos socialistas e dos nacionalistas aseguran, segundo recolle o xornal Pontevedra Viva, que non foron informados previamente da ruptura do tripartito, un feito que cualifican de “traizón” á veciñanza que apostara por un cambio na localidade e de “incoherencia” política.

"O concepto de lealdade que el entende é apuñalar por detrás os seus socios de goberno e xurar pleitesía a Telmo Martín", sinalou o voceiro local do BNG, David Otero. Na mesma liña, a súa homóloga no PSOE,  Coral González-Haba, acusou a Pita "dunha cobardía notoria".

Un goberno que quedara en igualdade de forzas co PP hai un ano coa saída do concelleiro de Cultura, Roberto Carlos Agís, representante de Sanxenxo Pode. Agís xustificou nese momento a existencia de “diferenzas insalvables” co resto do goberno, mais aseguraba que nunca pactaría cos populares, a quen porén deu o seu apoio en media ducia de propostas nos últimos meses. 

Populares e liberais suman así 12 dos 17 postos do pleno municipal, anda que a actual concelleira de Seguridade Cidadá, Vanessa Rodríguez Búa, do SAL, amosou a súa oposición a formar parte do novo goberno.

Comentarios