Rocío de Frutos, deputada do PSdeG por Ourense, votará non a Rajoy

“Eu non vi a este sitio [o Congreso] para isto [para viabilizar a investidura de Rajoy”, declarou a parlamentar do PSOE á SER-Galiza.

Rocio de Frutos. Deputada PSdeG no Congreso por Ourense.
photo_camera Rocío de Frutos.

O Comité Federal aprobou este domingo unha resolución -abstención na segunda votación da investidura para viabilizar un novo goberno de Rajoy-, que en teoría vincula o conxunto do grupo parlamentar. Na práctica o probábel é que quer deputados a título individual quer o PSC como partido se desmarquen da posición oficial adoptada por Ferraz.

Unha das parlamentares disidentes é Rocío de Frutos, eleita nas listas do PSdeG-PSOE  na circunscrición de Ourense. Nas últimas horas reiterou que se mantén no non a Rajoy por coherencia cos seus principios e por lealdade ao “mandato” da militancia e do eleitorado do PSOE.

Non lle ten ningún medo ás hipotéticas sancións disciplinarias por non se guiar polo sentido de voto decretado polo Comité Federal. “Se teño que marchar [do Congreso], marcharei”, chegou a afirmar en declaracións recollidas pola SER.

Mentres, o portavoz do grupo parlamentar no Hórreo, Xaquín Fernández Leiceaga, dixo respeitar a posición adoptada polo Comité Federal e declarou que lle parecía tan democrática como a postura alternativa, o non a Rajoy.

“Non podo máis que respeitala”, dixo en relación á decisión do Comité Federal, ao tempo que, con certo ton irónico, afirmou que no Hórreo “nós vamos facer oposición” e que aquí, si, o PSdeG votará non á investidura de Feijóo.

Comentarios