Parlamento

Rueda di que responder a preguntas a Pontón sobre sanidade é "perder o tempo"

A pregunta na sesión de control ao presidente da Xunta da Galiza realizada pola portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, no Parlamento galego, sobre como afronta a sanidade galega unha tempada tan complexa como a do verán deu pé a Alfonso Rueda a falar de Bildu, os pellets, as eleccións europeas e ERC. E falou menos do que se lle preguntaba porque, el mesmo o dixo, que responder ao BNG sobre sanidade "é unha perda de tempo".
Ana Pontón e Alfonso Rueda, esta cuarta feira, no Parlamento galego. (Fotos: Arxina)
photo_camera Ana Pontón e Alfonso Rueda, esta cuarta feira, no Parlamento galego. (Fotos: Arxina)

O verán é unha época complicada para a sanidade galega, algo que o propio Alfonso Rueda ten recoñecido. O importante aumento de poboación nestes meses en determinadas áreas coincide cunha mingua de recursos humanos na sanidade polas baixas no persoal. Un escenario, recordou esta cuarta feira Ana Pontón na sesión de control, "que non é unha novidade, pasa todos os anos".

Malia esta periocidade, engadiu, "o Goberno galego non é quen de anticiparse ao problema" e todos os veráns voltan as situacións  de falta de persoal médico e de Pediatría. "Cada verán, a Atención Primaria volve ser un pesadelo para miles de galegos e galegas", denunciou a portavoz nacionalista, e cunha Consellaría de Sanidade que adopta medidas "como fechar 800 camas ou limitar a atención pediátrica aos centros de comarca".

Para Pontón, ademais, as últimas propostas da Xunta, como a de pór a traballar sen supervisión médicos MIR que non completaran a formación son algo máis grave que "unha ocorrencia". Por iso, a líder nacionalista preguntou a Rueda sobre "que medidas vai adoptar para garantir a atención sanitaria no verán".

O presidente quixo deixar claro desde o primeiro segundo da súa quenda que responder á pregunta que lle acababan de facer non era para o que asistira á sesión de control. "Para falar de sanidade hai que ter credibilidade e vostedes non a teñen", arrancou Rueda. O titular da Xunta da Galiza falou entón da mobilización convocada antes das eleccións galegas do 18 de febreiro en defensa da sanidade pública e da "utilización" da crise dos pellets.

Mais o prato forte veu a seguir, cun Rueda falando de Bildu e ERC e acusando o BNG de ter un escano en Europa "de rebaixas" e "enganar" os seus votantes. Até ese momento, de falar de sanidade [motivo da pregunta parlamentaria], nada, a pesar de que Rueda afirmara que "non vou escapar ao que vostede [por Ana Pontón] me pregunta".

A portavoz do BNG considerou "unha falta de respecto aos miles de galegos e de galegas que están sen médico ou pediatra" a resposta do presidente. "Vaia á veciñanza de Viveiro, que xa non ten cita médica para xuño, a falarlle de Bildu; vaia ao Courel; vaia aos pais e nais de Forcarei e Xinzo que non teñen  pediatra a falarlles de ERC", díxolle. "Non poña parches nin faga chascarrillos, traballe", instouno. E deixou unha petición ao presidente do Parlamento da Galiza: "Estaría ben facer unha sesión de control á líder da oposición, que é ao que vén Alfonso Rueda á sesión de control ao presidente, porque non vén a responder nin a dar contas".

Rueda entón si falou de sanidade. Defendeu brevemente medidas como a dos MIR —"non son ocorrencias", sinalou— e aseverou que "de sanidade xa falamos moitas veces e con vostedes é imposíbel, é unha perda de tempo porque eu digo a verdade e vostedes terxiversan".

Comentarios