Rueda pide por carta unha reunión a Sánchez para abordar "asuntos estratéxicos" para a Galiza

Na misiva con data do 10 de maio de 2024, Rueda explica a Sánchez que quixo que o seu primeiro encontro institucional fose co rei español Felipe VI.
Pedro Sánchez e Alfonso Rueda (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera Pedro Sánchez e Alfonso Rueda (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

O titular do Goberno galego, Alfonso Rueda, enviou unha carta ao presidente do Executivo estatal, Pedro Sánchez, para pedir unha reunión "o máis axiña posíbel" para abordar "asuntos estratéxicos" para a Galiza.

A pasada sexta feira, Rueda xa informou de que solicitara ese día a Sánchez manter un primeiro encontro despois de tomar posesión no cargo tras as eleccións do pasado mes de febreiro.

Na misiva con data do 10 de maio de 2024, Rueda explica a Sánchez que quixo que o seu primeiro encontro institucional fose co rei español Felipe VI, polo que agora require unha reunión co presidente do Goberno español.

O presidente do Goberno galego trasladou a Sánchez a necesidade "dun espírito de colaboración e entendemento mutuo" en asuntos clave, "que redundará no beneficio común da Galiza e de España".

Colaboración

"Quero trasladarte que os principios de cordialidade, colaboración e lealdade institucional, unidos á irrenunciábel defensa dos intereses da Galiza, seguirán guiando a acción do Goberno galego nesta nova lexislatura", sostivo Alfonso Rueda.

"Unha Galiza que progresa, en concordia co resto de España, tamén contribúe á convivencia pacífica e á prosperidade do noso país", agregou. Por iso, espera esta reunión para "avanzar nunha solución beneficiosa para os intereses" da cidadanía.

Finalmente, a misiva termina cunha parte manuscrita a bolígrafo polo propio Rueda na que se pode ler: "Con toda a miña consideración e na seguridade de que poderemos lograr avances xuntos".

Comentarios