Os servizos xurídicos do Parlamento reproban a Xunta pola autovía da Costa da Morte

Consideran ilegal o proceder da Xunta na contratación da autovía da Costa da Morte e instan a un novo concurso público. 

15796706796_a0fa3e197f_z
photo_camera Alberto Núñez Feijóo [Imaxe Xunta]

A instancias do grupo parlamentar socialista, os servizos xurídicos do Parlamento emitiron seu informe a respeito da reforma prevista polo goberno galego en relación á construción da autovía da Costa da Morte. A equipa letrada da Cámara considera que a mudanza deseñada polo goberno galego non se axusta a dereito e contradí o disposto na Constitución e na lei española de contratos públicos

Neste senso, embora considerar de "interese xeral a inexecución" dunha parte da obra, de acordo co cumprimento do obxectivo de défice previsto polo executivo, insta a Axencia Galega de Infraestruturas a iniciar "o expediente administrativo oportuno" e concursar de novo a contratación administrativa, tal e como prevé a lexislación. 
 

Instan a Xunta a concursar de novo a obra

Cumpre lembrar que o goberno de Alberto Núñez Feijóo mudou na lei de acompañamento dos Orzamentos 2015 o contrato inicial recurtando os quilómetros que construirá mais sen licitar de novo a obra, de maneira que a unión empresarial adxudicataria --encabezada por Copasa-- se mantiña como tal sen posibilidade de que outras entidades puidesen recorrer a decisión. 

"O plan económico-financeiro deberá, de ser o caso, adaptarse para re-estabelecer o equilibrio económico da concesión e recoller, mediante os oportunos axustes, os efectos derivados da diminución dos custes da obra, de explotación, financeiros e outros", sinalan no seu informe os servizos xurídicos. 

O PP manda a Carballo a un deputado para anunciar o inicio da obra no prazo dun mes

A decisión da equipa letrada da Cámara producíuse o día despois de que o voceiro de infraestruturas do PP no Parlamento --que non da Xunta-- Alejandro Gómez Alonso, acudise a Carballo para anunciar o inicio das obras no prazo dun mes. "Mentres outros poñen paos na roda á construción da autovía, o PP traballa para acabala", asegurou en declaracións aos medios de comunicación Gómez Alonso. 

Nestes termos se pronunciou o deputado popular en relación á denuncia presentada polo BNG perante a Fiscalía para denunciar as irregularidades da reforma legal. Porén, agora son os propios servizos xurídicos do Parlamento os que poñen contra as cordas o presidente da Xunta e o seu goberno. 

O proxecto lexislativo presentado pola Xunta prevé --na disposición quinta-- a mudanza do contrato de obra para pasar dunha construción inicial de 60 quilómetros por 540 millóns de euros a adxudicar a contratación de 27 quilómetros por un custe de 617 millóns de euros

Comentarios