O Supremo poderá xulgar Baltar por un delito contra a seguridade viaria

O Pleno do Senado autorizou o alto tribunal español a dirixir un procedemento penal contra o senador do PP

O senador do PP José Manuel Baltar, antes de entrar a declarar ante o Tribunal Supremo o pasado 19 de decembro. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera O senador do PP José Manuel Baltar, antes de entrar a declarar ante o Tribunal Supremo o pasado 19 de decembro. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

O Pleno do Senado aprobou esta cuarta feira, co aval do PP, a autorización definitiva para que o Tribunal Supremo (TS) poida dirixir un procedemento penal contra o seu senador José Manuel Baltar por un delito contra a seguridade viaria por presuntamente conducir un coche a 215 km/h na autovía A-52 ao volante dun coche da Deputación de Ourense, da que era presidente na altura.

Nunha votación a porta fechada, o Senado suspendeu o aforamento do parlamentario galego do PP e ex presidente da Deputación de Ourense, permitindo ao TS activar o procedemento para xulgalo por este presunto delito.

A Sala do Penal adoptou a decisión de pedir ao Senado o suplicatorio despois de que a maxistrada instrutora da causa, Ana Ferrer, elevase unha exposición razoada para que se solicitase a autorización á Cámara Alta co fin de suspender a inmunidade da que goza o senador como aforado e proceder penalmente contra el ao apreciar indicios de delito.

No marco da resolución, o tribunal estimou pertinente suspender por agora a tramitación das actuacións referidas ao senador mentres que o Senado resolva sobre a autorización solicitada, algo que finalmente acabou sucedendo esta cuarta feira.

A maxistrada instrutora estimou proceder contra Baltar ao entender que, aínda aplicando a marxe de erro do 5% que estabelece a normativa sobre o resultado do radar, a cifra alcanzaría os 204 km/h nun tramo no que a velocidade máxima permitida era de 120 km/h, o que ao seu xuízo encaixa nun delito contra a seguridade viaria.

"Constancia de indicios cualificados"

Ferrer indicou que, acreditada a condición de senador de Baltar, chegara o momento en que "a constancia de indicios cualificados" facía "imprescindíbel" solicitar a autorización do Senado para "avanzar no camiño procesual".

A xuíza insistiu en que era necesario pedir permiso ao Senado para seguir adiante co procedemento penal aínda que Baltar xa foi sancionado pola vía administrativa por este feito —cunha multa e a perda de varios puntos do carné—. Segundo defendeu na súa exposición, dita sanción administrativa non limita o Supremo a proceder pola vía penal.

A instrutora adoptou esta decisión despois de que o Supremo abrise causa o pasado novembro, tras recibir a Sala do Penal o testemuño de xuízo rápido e as dilixencias urxentes remitidos polos xulgados de Zamora e Poboa de Seabra, incoadas en virtude de atestado da Garda Civil pola comisión dun suposto delito contra a seguridade viaria.

Cabe lembrar que, no marco das dilixencias de investigación, Ferrer tomou declaración a Baltar, quen compareceu voluntariamente ante o Supremo o pasado 19 de decembro para negar que conducise a esa velocidade. "Non existiu en ningún momento unha velocidade superior a 200 km/h", dixo o seu avogado, Ramón Montero, en declaracións á prensa.

"Debería ser cesado"

Ante a aprobación do suplicatorio de Baltar na cámara alta, a senadora do BNG, Carme da Silva, sinala que esta situación “nunca se tería que ter producido” porque “o que foi Presidente da Deputación de Ourense debería ter sido cesado o propio día que circulou a 215 km/h”. Da Silva culpabiliza o Partido Popular por “apoiar, encubrir e incluso premiar” a Baltar propóndoo e votándoo como senador por designación autonómica.

A decisión do Tribunal Supremo confirma que existen “indicios moi graves” cometidos por Baltar “no exercicio de cargo público e por riba con recursos públicos”.  “Estes feitos constitúen, de por si, unha barbaridade e unha vergoñenta irresponsabilidade que converten Baltar nun perigo público”, asevera a senadora do BNG. Ante a aprobación do suplicatorio no Senado, Carme da Silva sinala que “Baltar debería ter sido cesado ou dimitido o propio día en que circulou a esa velocidade mais a súa irresponsabilidade, co beneplácito e o apoio do seu partido, levaron a esta situación”.

Comentarios