Xustiza

O TSXG confirma a inhabilitación por 8 anos e medio do ex alcalde de Ponteceso por prevaricación administrativa

Segundo recolle a resolución, a execución de determinadas obras adxudicouse "co coñecemento e consentimento do acusado, na súa condición de alcalde, a unha empresa, incumprindo a normativa de contratación".
O ex alcalde popular de Ponteceso, José Luis Fondo. (Foto: Xunta da Galiza).
photo_camera O ex alcalde popular de Ponteceso, José Luis Fondo. (Foto: Xunta da Galiza).

A Sala do Civil e do Penal do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) vén de ratificar a sentenza previa da Audiencia Provincial da Coruña que condenaba o que fora alcalde de Ponteceso (Bergantiños) entre 1993 e 2015, José Luis Fondo (PP), pola comisión dun delito continuado de prevaricación administrativa. O alto tribunal galego desestimou o recurso de apelación interposto polo procesado contra a resolución de primeira instancia que o inhabilitou para emprego ou cargo público e, en particular, relacionado coa función de alcalde, durante oito anos e medio.

Na súa sentenza, a Audiencia Provincial considerou probado que durante o seu mandato, e máis concretamente entre os anos 2012 e 2015, o Concello de Ponteceso "víase obrigado de maneira permanente a axustar a súa dotación orzamentaria tendo en conta que, aínda cando algún exercicio lanzaba resultado positivo, era frecuente xerar numerosas obrigas, co consecuente prexuízo que iso orixinaba para as arcas municipais ao carecer de crédito adecuado, dispoñíbel e en contía suficiente".

Segundo recolle a resolución, a execución de determinadas obras adxudicouse "co coñecemento e consentimento do acusado, na súa condición de alcalde, a unha empresa, incumprindo a normativa de contratación, ao prescindir total e absolutamente de procedemento algún a tal fin e a propósito da súa ilegalidade ante os repetidos reparos feitos pola interventora municipal". A Audiencia sinalou que non consta acreditada a existencia de sobrecustos nesas facturas.

"Non é que se incumprise o procedemento, é que non existiu, por iso é inocuo soster que na sentenza non se di que trámites se omitiron porque, precisamente, non existiu ningún con adecuada consideración procedemental, tendo en conta que as decisións sen reflexo no correspondente expediente non teñen aquela valoración", subliña o TSXG na resolución.

Ademais, sobre a proba da existencia dos expedientes administrativos, sinala que "os informes técnicos non determinan a súa existencia". O TSXG reitera que o determinante é "a falta de expediente administrativo na contratación, e non tanto a realidade das providencias nas que se acorda a fiscalización da obriga da Administración".

No seu momento, a Audiencia absolveu outro procesado por estes feitos, o responsábel da empresa adxudicataria.

Comentarios