Un deputado do PP di que as pasa ''canutas'' cos 5.100€ que gaña ao mes

Cómpre analizar as súas palabras tendo na cabeza as cifras que esta semana publica Sermos Galiza no papel: a crise atacou fortemente a clase media, e só unha de cada dez persoas fica fóra do risco de engrosar as listas da pobreza

"Entre os 416€ que me dan por ser concelleiro, que non me chegan para nada, os 4.200€ netos máis ou menos que gaño como deputado e os 290€ que me dan polos trienios como funcionario da Xunta, en total gaño uns 5.100€ e pásoas bastante canutas". Traducimos do español as palabras pronunciadas por Guillermo Collarte, deputado do PP, nunha entrevista publicada este domingo na prensa que supón, máis que un acto de sinceridade e solidariedade após coñecermos os requisitos para recibir 400€, unha burla ao pobo traballador.

Tomando os datos da Rede galega contra a pobreza que Sermos Galiza publica esta semana no xornal en papel, nove de cada dez persoas están aos pés da pobreza, pois só o 10% da poboación, aquel@s que cobran ao redor de 100 mil euros ao ano, fican fóra das poutas dunha situación que, ollando os recortes en dereitos fundamentais como a sanidade e a educación e considerando que xa son moit@s @s galeg@s con serias dificultades para satisfaceren necesidades básicas --alimentación--, semella perfilarse como o único 'dereito universal'.

Cuns ingresos de 61.200€ ao ano, Collarte está moi lonxe de tornarse nunha das 50 mil persoas que cada doce meses engrosan as listas da pobreza ou das 111.305 que xa hoxe en día padecen privación material severa. "Recoñezo que son un privilexiado, mais vindo do nivel de ingresos que tiña é un pau moi grande". Privilexiado fronte ás 20 mil persoas inmigrantes que na Galiza ficarán privadas do dereito á sanidade a partir do 1 de setembro por obra e graza das normas ditadas polo Goberno español. Mais tamén fronte ás 460 mil que sobreviven co 60% ou menos da renda media do país. E fronte ás 9 familias que cada día perden a súa vivenda por unha execución hipotecaria.

O deputado Collarte conta na entrevista que vai e vén de Madrid a Ourense todas as semanas. Mais explica que "é verdade que nos pagan os billetes e que aquí vivo na casa da miña nai", se ben aclara que "como fóra, vivo fóra e a gasolina págoa eu". Non renunciou aos 1.820€ ao mes que recibe en concepto de dietas polo desprazamento. Di que o intentou, mais que lle respostaron que "formalmente non se pode". Ao lle preguntar polo seu traballo, se se sinte "útil" no Congreso d@s deputad@s a pesar de que non asinou aínda nin unha iniciativa parlamentaria, di que o BNG, con dúas persoas en representación da formación frontista, "presentan todos os días cinco ou seis iniciativas".

O traballo de Olaia Fernández Dávila e Francisco Jorquera contrasta co realizado pol@s deputad@s do grupo de Goberno que, recollendo as palabras do propio Collarte, "dá a sensación de que só imos para erguer a man, e é así". Guillermo Collarte deixou hai uns meses a empresa privada para asinar como 'fichaxe estrela' do PP de Ourense nas últimas eleccións municipais. Enxeñeiro de profesión, ten en propiedade tres carros e dous pisos en Madrid, segundo a súa última declaración da renda.

Comentarios