Verónica M. Barbero, deputada de Sumar: "Defendemos para Galiza un estatuto equivalente ao de Catalunya e Euskadi"

Verónica Martínez Barbero saltou á cabeza da candidatura de Sumar por Pontevedra desde a Dirección Xeral de Traballo do Goberno do Estado. Persoa de máxima confianza de Yolanda Díaz, analiza para Nós Diario a situación política, os retos da lexislatura que arranca e os obxectivo da súa formación para ese período.

Verónica Sumar
photo_camera Verónica Martínez Barbero, deputada de Sumar. (Foto: Sumar)

—Que valoración fai do proceso de constitución da Mesa do Congreso e que conclusións tira de cara á investidura do novo presidente do Goberno do Estado?
Nós cremos que, precisamente, na elección da Mesa do Congreso e no acordo para a utilización das linguas oficiais do Estado na Cámara, púxose de manifesto que esta vai ser unha lexislatura progresista e de pluralidade.

Por outra parte, no que se refire máis ao noso, ao papel de Sumar e a como facemos as cousas, demostrouse que cando hai vontade e hai diálogo pódese chegar a puntos de encontro e conseguir acordos. E niso Yolanda Díaz e outras persoas como Marta Lois son chave e seremos, tamén, chaves na conformación dun novo Goberno progresista no Estado.

—Polo que acaba de comentar, está claro que desde Sumar traballan na hipótese de facer parte do vindeiro Executivo. Como están sendo as negociacións e conversas para conformalo e que papel están desenvolvendo vostedes nas mesmas?
No que é a negociación, estamos  na esfera interna e eu aquí teño que ser discreta porque todas as negociacións precisan dos seus tempos e un destes tempos sempre é privado.

Nós estamos traballando aquí para recuperar confianzas, xa que algunhas estaban tocadas entre formacións de fóra do propio Goberno. Ademais, dentro do Goberno traballamos para conseguir a súa mellor versión, que para nós pasa por contidos e programas.

En todo caso, nós apostamos pola discreción, que é o mellor método para conseguir un éxito nas negociacións.

—Falaba agora de que para vostedes o fundamental é o programa. En relación coas propostas referidas á Galiza nel recollidas, que actuacións entenden fundamentais para desbloquear e impulsar durante a lexislatura? 
Unha cuestión central para nós é o sistema de financiamento. Neste sentido, esta debe ser a lexislatura dun novo modelo de financiamento e Galiza ten que estar nese novo pacto territorial porque ese pacto ten que ter en conta as nosas especificidades, fundamentalmente dúas, como son a dispersión territorial e o envellecemento da poboación.

Temos que aumentar a capacidade do noso autogoberno e os recursos necesarios para financiar a nosa sanidade, a nosa educación, a dependencia ou o investimento público en condicións. Para iso, é necesario renovar un sistema de financiamento que xa está caducado, que está pendente de renovación desde o ano 2014. Nese sentido, estas variábeis demográficas nosas, de envellecemento poboacional e dispersión territorial, teñen que  terse en conta no novo sistema de financiamento.

O sistema de financiamento hai que revisalo. Precisamos máis recursos para Galiza, para mellorar o autogoberno e ter máis capacidade económica, pero isto require unha reforma fiscal que aumente os ingresos do Estado. Para ter un mellor modelo de benestar, precisamos de máis ingresos públicos.

—Sinalaba hai un anaco que os recursos que achega o actual sistema de financiamento a Galiza non son suficientes. Neste sentido, que criterios considera necesarios para incrementar a capacidade fiscal do país?
Hai que reformular o modelo de financiamento porque non é xusto coa Galiza, pero iso ten que ir vinculado a un incremento nos ingresos por parte do Estado co fin de garantir un modelo de benestar.

Galiza ten un problema engadido que non presentan as outras dúas nacionalidades históricas. A falla de competencias da Galiza, tamén, ten que ver con que temos un Goberno galego que renuncia desde hai anos a asumir novas competencias e é incapaz de desenvolver o autogoberno, a diferenza do que fai o Goberno catalán e o vasco. De feito, estamos quedando atrás das outras dúas nacionalidades.

Un Goberno progresista no Estado e un novo Goberno galego na Galiza é a mestura que vai dar máis capacidade económica a Galiza e vai permitir exercer máis competencias.

—Afirmaba que Galiza vai detrás de Catalunya e Euskal Herria no desenvolvemento do autogoberno. A vista disto e da correlación de forzas no Congreso, no caso dunha mudanza no status legal de Catalunya e Euskadi, apoiarían un marco diferente tamén para Galiza?
Nós estamos por garantir para Galiza o mesmo nivel competencial que as dúas comunidades máis avanzadas en competencias propias.Neste sentido, defendemos para Galiza un estatuto equivalente ao de Catalunya e Euskadi. E imos estar niso durante a vindeira lexislatura.


Os retos da transición enerxética na Galiza

Verónica Martínez Barbero ocupou a Dirección Xeral de Traballo do Goberno do Estado ao longo da pasada lexislatura. Nesta liña, explica a Nós Diario que “queremos afondar en reformas que aínda son imprescindíbeis e necesarias para acadar un maior empregabilidade e unha maior calidade nos empregos”. Así, defende que “isto debe ir da man da transición ecolóxica, que debe ter en conta as particularidades da Galiza pero tamén as das persoas que traballan”.

Martínez Barbero entende que “na economía verde vai estar a chave do emprego” e reclama que “a transición enerxética non pode ser considerada como unha ameaza” para determinadas actividades económicas. Nesta dirección, apela ao dialogo “co sector pesqueiro para facer compatíbel o dereito a pesca co desenvolvemento industrial da Galiza”.

Comentarios