Villares, portavoz de En Marea a pesar do votado polas bases nas primarias

Finalmente, Luís Villares, resultou eleito portavoz orgánico de En Marea na reunión que mantivo o domingo á tarde o Consello das Mareas. Na xuntanza elixiuse tamén a Coordenadora Nacional, con proporcionalidade a respeito dos resultados das tres candidaturas nas primarias. Villares será voceiro da formación, embora o documento votado polas bases o considerase inelixíbel para este cargo por ser á vez portavoz no Pazo do Hórreo.

C8bXQVeWsAAfQlW
photo_camera [Imaxe: En Marea]

Luís Villares ocupará tamén a Portavocía orgánica de En Marea após a reunión do Consello que tivo lugar na tarde do domingo, co apoio de 18 persoas, mais con 12 que preferiron non votar (entre elas o propio Villares e Xosé Manuel Beiras). Na xuntanza tamén se elixiu a Coordenadora, composta polo maxistrado en excedencia, Victoria Esteban, Sara Torreiro, Ana María Seijas, Elena Cores e Gonzálo Rodríguez (pola lista Máis Alá); Iria Morgade, María Esther Duro e Alfonso Diz (pola lista Somos Quen); e por Consuelo Martínez e Mario López Rico (pola lista Queremos Participar).

Deste xeito, na Coordenadora, a Executiva de Marea, non terán presenza significativas voces críticas de Anova, a Marea Atlántica, Esquerda Unida, Podemos e mareas municipalistas como Ourense en Común e Nós Pobra. Así, ningunha das persoas do grupo que esta semana pasada denunciou o "bloqueo" da dirección da confluencia -Adrián Fuenteseca, Ares Jiménez, Borja San Ramón, Gladys Afonso, Iago Martínez, Mariano E. Fernández Cabarcos, Oriana Méndez, Paula Rodríguez, Pedro José Rivera, Rafa Dopico, Sara Outeiral, Javier Octavio de Toledo e Noemi Prados- estarán finalmente presentes na executiva mareante.

Os críticos consideran “ilexítima” a modificación dos documentos políticos da lista máis votada

Os críticos consideran “ilexítima” a modificación dos documentos políticos da lista máis votada, a do ex maxistrado, co fin de que houber un único portavoz. E é que se acordara un sistema de incompatibilidades en polo que nen o portavoz no Parlamento galego -Luís Villares- nen o voceiro do Congreso -Antón Gómez-Reino- podían á vez ostentar a condición de portavoz orgánico da confluencia.

En declaracións aos medios, Rafa Dopico, de Anova, amosouse profundamente crítico coa decisión de “excluír” da Coordenadora o sector que el representaría, “emprendeuse un camiño para construír unha organización diferente á deseñada nos acordos de Vigo e nos acordos do plenario de Compostela. Non representa a unidade popular e faise pagando un alto prezo”.

Luís Villares tratou de eludir as críticas ao asegurar que as divisións dentro do partido estaban superadas e que a formación política actuaría agora como "unha unidade mareante". As declaracións de Dopico e a exclusión dun sector significativo das e dos críticos na Coordenadora amosan o contrario.

Alén da elección da Portavocía orgánica e da Coordenadora, constituíuse a Comisión de Garantías e aprobou o documento político como liña básica de acción estratéxica e que recolle as liñas fundamentais do ámbito organizativo, afirma a organización nunha nota de imprensa.

Noticia actualizada ás 22.49 h

Comentarios