Eleccións Europeas 9-X

Ursula Von der Leyen e Alberto Núñez Feixoo compartirán mesa na romaría do PP

O municipio do Pino (comarca de Arzúa) volverá este sábado para ser escenario da tradicional 'romaría popular' que organiza o PP.
Alberto Núñez Feixoo e Ursula Von der Leyen (Foto: Tarek).
photo_camera Alberto Núñez Feixoo e Ursula Von der Leyen (Foto: Tarek).

O municipio do Pino (comarca de Arzúa) volverá este sábado para ser escenario da tradicional 'romaría popular' que organiza o PP -tras o parón da pandemia retomouse en 2022- e contará, nesta ocasión, non só co líder do partido a nivel estatal, Alberto Núñez Feixoo, senón tamén coa presidenta da Comisión Europea, Ursula Von der Leyen.

Fontes populares indicaron que está previsto que tanto Von de Leyen como Feixoo interveñan nesta romaría mitin, do mesmo modo que o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda. O habitual é que tamén o faga o presidente dos populares no ámbito coruñés, Diego Calvo.

As asistentes gozarán dunha comida -a prezo de 30 euros por menú- composta por empanada, polbo e carne 'ao caldeiro'. De sobremesa, poderán degustar a tradicional torta de Compostela, e para beber, viño e auga. Tamén haberá musica e pinchadiscos.

Reunións previas con Feixoo e Rueda

Von der Leyen e o líder do PP a nivel estatal reuniranse previamente coa lei de amnistía como un dos temas centrais, segundo informaron fontes populares.  Esta foto de ambas as personalidades producirase tan só dous días despois de que o pleno do Congreso español dese luz verde de forma definitiva á lei de amnistía, levantando así o veto do Senado.

A norma envíase agora ao Boletín Oficial do Estado (BOE) para a súa publicación e entrada en vigor tras unha votación que saíu adiante pola mínima, dado que se necesitaban 176 votos e sumáronse 177. Ademais, Von der Leyen manterá tamén un encontro previo con Alfonso Rueda.

Pactos coa extrema dereita

Von der Leyen ratificou nesta campaña que contará coa extrema dereita, delimitando a colaboración a "deputados que sexan pro Europa [en alusión á UE], pro Ucraína, e dicir anti [o presidente ruso Vladimir] Putin, e en terceiro lugar a favor do Estado de dereito". Días despois, Feixoo avalou a tese da xermana, abrindo a porta aos pactos coa presidenta de Italia, Giorgia Meloni.

Comentarios