Vox reúne o seu Comité Executivo para acordar "os próximos pasos" tras dar por rotos os pactos co PP nas autonomías

A formación de extrema dereita emprega a aceptación dunha reducida repartición de menores migrantes para romper os pactos co PP. A Galiza acollerá 26 destas menores migrantes non acompañadas.

Alberto Núñez Feixóo e Santiago Abascal (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera Alberto Núñez Feixóo e Santiago Abascal (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

A formación española de extrema dereira Vox reúne esta quinta feira de urxencia o seu Comité Executivo para acordar "os próximos pasos" tras dar por rotos os pactos co PP nas comunidades autónomas nas que gobernan conxuntamente ou onde apoian esta forza externamente, despois de que os de Alberto Núñez Feixoo aceptasen esta cuarta feira unha reducida repartición [con respecto á petición de axuda de Canarias] de 347 menores migrantes non acompañadas entre o conxunto das autonomías do Estado español.

A reunión extraordinaria terá lugar ás 18.30 horas e nela valorarase as medidas para tomar nas autonomías onde Vox e PP gobernan en coalición ou dan o seu apoio parlamentario externo: Aragón, País Valencià, Castela e León, Estremadura, Murcia e Balears.

Vox, con Santiago Abascal á cabeza, levaba días avisando ao PP de que darían por rotos os Gobernos autonómicos se aceptaban a distribución de menores migrantes non acompañadas, alegando que os pactos de Goberno subscritos avogan por políticas antiinmigración. Neste sentido, Abascal afirmou que cortarían co PP nas autonomías se os presidentes populares non usaban todos os medios "políticos e legais" para oporse á repartición.

Deste modo, deron por "rotos" os pactos entre ambos os partidos tras aceptar o PP unha repartición reducida, pola que as autonomías nas que os populares e Vox gobernan en coalición acollerían un total de 110 menores migrantes: Aragón, 20; Castela e León, 21 menores; País Valencià, 23; Estremadura, 30; e Murcia, 16. Balears, onde os populares gobernan en minoría grazas ao apoio externo de Vox, acollería 10.

"É o PP quen rompeu os pactos"

Nun comunicado, Vox acusou o líder do PP de "obrigar aos presidentes rexionais a votar si á repartición de 400 menas". "Tras entregar o CXPX, RTVE, a Xunta Electoral Central ou aliarse en Europa contra os intereses dos españois, o PP chega a un novo acordo co PSOE e confirma onde e con quen quere estar", criticou a formación.

Para o partido de Abascal, é Feixoo o que rompeu os Gobernos de coalición que comparten mentres que Vox "cumpre coa súa palabra e o seu compromiso cos españois". Ademais, acusou o líder popular de chamar "un a un" aos conselleiros do PP para "votar a favor das pretensións de Sánchez" a pesar de que, segundo Vox, os baróns populares comprometéronse a rexeitar a repartición.

"Os presidentes autonómicos do PP cumpriron as ordes de Feixoo de forma unilateral, sen ter en conta ao seu socio de Goberno, e mesmo faltando á súa propia vontade manifesta e comprometida nas conversacións internas mantidas durante as últimas semanas", expresou Vox, que lamenta que Feixoo rompa "de forma arbitraria e interesada unha relación de lealdade e colaboración que levou a importantes logros para os cidadáns das rexións".

A Galiza acollerá 26 menores migrantes

A Xunta da Galiza confirmou estar disposta a acoller 26 menores migrantes non acompañadas procedentes de Canarias e Ceuta tras participar na Conferencia Sectorial que abordou a situación e na que estivo presente a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García.

Comentarios