Xustiza

Baltar, ao banco dos acusados: o Supremo abre xuízo contra el por conducir a 215 quilómetros por hora

A xuíza instrutora adoptou esta decisión, a pedimento da Fiscalía, despois de que o pasado xuño propuxese xulgar o senador aforado.
O senador do PP Manuel Baltar, con Alfonso Rueda en segundo plano. (Foto: Agostime / Europa Press)
photo_camera O senador do PP Manuel Baltar, con Alfonso Rueda en segundo plano. (Foto: Agostime / Europa Press)

A maxistrada do Tribunal Supremo Ana Ferrer vén de ditar un auto de apertura de xuízo oral contra o senador do PP José Manuel Baltar por un delito contra a seguridade viaria, por presuntamente conducir un coche a 215 quilómetros por hora na autovía A-52 nun tramo no que a velocidade máxima era de 120 quilómetros por hora.

A xuíza instrutora adoptou esta decisión, a pedimento da Fiscalía, despois de que o pasado xuño propuxese xulgar o senador aforado. Agora deu un prazo de dez días ao senador para que presente o seu escrito de defensa. Ferrer explicou en xuño que, aínda aplicando a marxe de erro de 5% que estabelece a normativa sobre control metrolóxico do Estado, o resultado que deu é de 204 quilómetros por hora, ficando igualmente por riba da velocidade máxima permitida nese tramo da autovía.

Ferrer concluíu entón que os feitos poderían ser constitutivos dun delito contra a seguridade viaria, que o Código penal castiga con pena de prisión de tres a seis meses, coa de multa de seis a 12 meses ou coa de traballos en beneficio da comunidade de 30 a 90 días. En calquera caso, apunta, se fose condenado quitaríaselle o carné de conducir de 1 a 4 anos.

Baltar nega os feitos

A maxistrada actúa contra Baltar toda vez que o Senado aprobou xa o suplicatorio e que este xa compareceu voluntariamente ante o Supremo o pasado 19 de decembro para negar que conducise a esa velocidade. "Non existiu en ningún momento unha velocidade superior a 200 quilómetros por hora", dixo o seu avogado, Ramón Montero, en declaracións á prensa.

Os feitos polos que se investiga o senador 'popular' remóntanse ao 23 de abril de 2023, cando foi interceptado, segundo o informe definitivo da Garda Civil de Tráfico, a 215 quilómetros por hora na A-52, ao seu paso por Asturianos (Zamora), ao volante dun coche oficial da Deputación de Ourense.

Antes de que o caso chegase ao Supremo, o Ministerio Fiscal presentou ante os xulgados da Galiza un escrito de acusación contra Baltar considerándoo autor dun delito contra a seguridade viaria, na modalidade de condución de vehículos de motor a velocidade superior á legalmente permitida do artigo 379.1 do Código penal.

A Fiscalía pediu unha pena de seis meses de multa a razón de cota diaria de 10 euros, o que se traduciría nuns 1.800 euros. O Ministerio Público tamén reclamou un ano e un día de privación do dereito para conducir vehículos de motor e ciclomotores para o dirixente do PP.

O xulgado de instrución acordou a apertura do xuízo oral contra Baltar por feitos supostamente constitutivos dun delito de condución de velocidade. Pero, unha vez acreditada a condición de senador designado polo Parlamento da Galiza, inhibiuse e enviou as actuacións ao Supremo.

Comentarios