A Xunta eleva 4% os salarios dos integrantes do Executivo mentres o Parlamento conxela os soldos dos deputados

Alfonso Rueda pasará de cobrar 79.651 a 82.843 euros.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda. (Foto: Europa Press)
photo_camera O presidente da Xunta, Alfonso Rueda. (Foto: Europa Press)

O Parlamento galego acordou manter conxelado o salario de 72 dos 75 deputados nos orzamentos para 2023. Unhas contas que si contemplan unha subida de 4% para o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e os vicepresidentes Francisco Conde e Diego Calvo, xa que os seus soldos dependen da Xunta.

Fontes parlamentarias explicaron a Europa Press que a Mesa da Cámara, que preside Miguel Santalices (PP) e na que están representadas as tres forzas políticas do arco parlamentario, decidiu manter as retribucións actuais para os 72 representantes restantes.

En canto á partida para altos cargos e delegados recollida no orzamento do vindeiro ano, ascenderá até os 2.236.600 euros, cunha suba de apenas 2.000 euros. Neste global inclúese persoal con consideración de alto cargo pero aplicación salarial de empregado público.

No caso da contía reservada para persoal de gabinete, a Cámara orzou 590.050 euros, fronte aos 567.140 euros dos orzamentos vixentes, un incremento de 4%.

A partida total do Parlamento galego ascenderá até os 19.409.000 euros (fronte aos 18.765.000 de 2022), mentres que a do Valedor do Pobo -institución comisionada da Cámara- será de 2.067.000 euros (1.988.000 en 2022). En total, suman 21.476.000 euros, 3,48% máis que neste ano.

Rueda, por riba dos 80.000 euros

O proxecto de orzamentos recolle unha suba de 4% para o presidente da Xunta e os conselleiros. Alfonso Rueda pasará de cobrar os 79.651 euros que figuraban en 2022 para o seu predecesor no cargo, Alberto Núñez Feixoo, aos 82.843 que recibirá o ano que vén.

Pola súa parte, os soldos dos dous vicepresidentes e do resto de conselleiras e conselleiros do Executivo galego pasarán de 69.517 a 72.303 euros.

Comentarios